PROGRAMA DE ACTUACIÓNS DA ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO DE LAXE

Dende o 23-02-2018 ata o 31-05-2018



Para este curso escolar, e ata o próximo mes de maio, a nosa ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO ten o seguinte programa de actuacións:

  • Na Mostra de Teatro Escolar de Santiago o domingo, 4 de marzo, no Teatro Principal de Santiago. Haberá un roteiro teatral, musical e poético no parque de Santo Domingo de Bonaval.
  • No CPI CABO DA AREA, de Laxe o luns, 19 de marzo, dentro da Semana cultural.
  • No XI Festival de Teatro Escolar de Palas de Rei que se celebrará o sábado, 14 de abril, na Casa de Cultura desta localidade. Haberá un roteiro teatral, musical e poético pola aldea de Merlán
  • No VI Festival de Teatro Escolar da Estrada, que organiza o IES Antón Losada Diéguez, o domingo, 29 de abril, no Teatro Principal desta localidade. Haberá un roteiro teatral, musical e poético pola aldea de Sabucedo.
  • En Corella (Navarra), La Rochelle e Chessy-París (Francia) na viaxe con marcado carácter didáctico por esas cidades os días 14, 15, 16, 17, 18, 19 e 20 de maio.
  • Na XI Mostra de Teatro escolar de Laxe, TEATRAPA o sábado, 26 de maio. Haberá un roteiro musical, teatral e poético polas rúas de Laxe organizado en colaboración con diferentes Asociacións musicais e culturais do Concello de Laxe.

I FESTIVAL GALEGO DE TEATRO ESCOLAR DE COMPOSTELA


A Escola Municipal de Teatro de Laxe participará este domingo, día 4 de marzo no I Festival Galego de Teatro Escolar de Compostela, que se celebrará no Parque de Bonaval e no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Este evento está organizado polo IES ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS e en colaboración co Concello de Santiago e a Escola de Baile e Música Tradicional da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos.

Participarán nesta xornada cultural máis de douscentos actores e actrices de cinco Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Laxe, Compostela, Palas de Rei, Touro e A Estrada) con idades comprendidas entre os 3 e os 60 anos.

O programa deste Festival é o seguinte:

  • Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 16:00 horas na Igrexa de Santo Domingo de Bonaval e no parque de Bonaval no que participará toda a comunidade educativa do instituto Antonio Fraguas (persoal non docente, pais, nais, alumnado e profesorado) e no que colaborará a Escola de Baile e Música Tradicional da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos.
Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, o achegamento do alumnado aos medios de comunicación (pois foi no Parque de Bonaval onde se instalou a primeira antena que posibilitou a emisión de Radio Galicia no ano 1933); a convivencia e traballo conxunto entre os membros de diferentes asociacións, a valorización e o respecto do tecido cultural creado polo pobo; o achegamento ás diferentes disciplinas literarias desde unha perspectiva lúdica e unha homenaxe a escritores e escritoras da talla de Castelao, Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro...

  • Ás 19:00 horas, no Teatro Principal de Compostela, a Escola Municipal de Teatro de Laxe, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, A Aula de Teatro do CPI de Touro, A Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada, “Avelaíñas Teatro” e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas porán en escena o espectáculo Un planeta literario máxico.
Trátase dun espectáculo de creación colectiva que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a paz, a humildade, o respecto… Este traballo de máis cen actores e actrices amosa, tamén, o valor da lectura como elemento esencial na formación de persoas equilibradas emocionalmente, autónomas e libres; pon de manifesto a relevancia da empatía con aqueles que sofren para habitar na auténtica esencia do ser humano; reivindica o valor do desenvolvemento de proxectos educativo colectivos…

Un planeta literario máxico supón, ademais, un viaxe ao universo da imaxinación, da diversión e do xogo para abrir unha fiestra á fantasía e desfrutar da maxia da creatividade que ilumina un camiño de marabillas que nos permite poñer ás e voar.

Actrices e actores sobre un escenario onde habita unha utopía que, paseniñamente, se transforma en realidade, grazas ao traballo cooperativo de todo o grupo e que alimenta as raíces e os anceios de compartir a certeza de que a liberdade só é posible cando nos atrevemos a soñar un mundo máis xusto e libre. Máis feliz. Máis humano.

Trátase, pois, dun espectáculo que pretende alentar o desfrute dos sentidos convertíndoos en ferramenta subversiva que contribúa a cambiar o mundo. Voa, se queres. Constrúe o teu paraíso. Nós imaxinamos o noso. Un mundo que baila, que soña, que vibra… todo PARA TI! Arriba o pano!

Este Festival permite que o alumnado das cinco aulas de teatro interactúe e propicia que amose o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolveu ao longo do curso académico 2017/18 nas cinco localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal