CELEBRACIÓN DO ENTROIDO: FESTA DE COMPARSAS E ENTERRO DO CAIETANO

Dende o 11-02-2020 ata o 08-03-2020

O Concello de Laxe, a través da súa Concellaría de Cultura, convoca o “Concurso de Entroido 2020”, con arranxo ás seguintes

BASES REGULADORAS

1. PARTICIPACIÓN.
Poderá participar calquera persoa disfrazada e ataviada axeitadamente para estas datas de entroido que desexe participar activamente na “Festa de comparsas” que se celebrará en Laxe o DOMINGO 23 de febreiro do 2020. A persoa e/ou grupo que se inscriba, deberá comprometerse como mínimo a:

1.1. PARTICIPAR NO DESFILE DE COMPARSAS que se realizará no día sinalado anteriormente dende a Casa do Concello ata a Praza de Ramón Juega a partir das 17.30 horas. No caso de choiva, realizarase un percorrido interior na instalación do Polideportivo Municipal. A orde no desfile será determinada polo Concello de Laxe e comunicaráselle ás persoas que realicen a inscrición antes do comezo do desfile.

1.2. SUBIR Ó ESCENARIO que habilite o Concello de Laxe no momento en que se lle/s convoque e realizar unha breve representación/espectáculo que poderá ser con ou sen música, de carácter teatral, circense, etc.. e que, en todo caso, non superará os 5 minutos.

Os entroidos, grupos ou comparsas que precisen música grabada para o espectáculo, deberán entregala no Dpto. de Cultura en formato Mp3 antes do 20 de febreiro do 2020.

A orde de participación será determinada pola organización municipal en función das inscricións realizadas.

As carrozas serán ubicadas nas inmediacións do lugar de celebración do entroido, no lugar que no mesmo día se indique polo persoal designado pola organización.

Seguridade e materiais: Evitarase a utilización de calquera tipo de elemento pirotécnico ou calquera outro que poida implicar risco para a vida e seguridade das persoas.

2. OBXECTO.

Recoñecer e agasallar a participación activa e a involucración persoal e/ou grupal na dinamización do entroido laxense coa entrega dun diploma e un agasallo ás persoas que individualmente, en pequeno grupo ou comparsa, presenten as vestimentas máis lucidas e vistosas deste entroido, así como o esforzo realizado na preparación tanto durante o desfile como nas actuacións realizadas sobre o escenario.

3. CATEGORÍAS DOS RECOÑECEMENTOS.

Tras a deliberación do xurado que que terá lugar unha vez rematado o desfile e as actuacións dos entroidos, grupos e comparsas, entregarase un diploma e agasallo de recoñecemento ás seguintes categorías:

  • MELLOR ENTROIDO INFANTIL INDIVIDUAL LAXENSE 2020.
  • MELLOR ENTROIDO ADULTO INDIVIDUAL LAXENSE 2020
  • MELLOR GRUPO DE ENTROIDOS LAXENSE 2020, cun mínimo de 3 e máximo de 10 persoas.
  • MELLOR COMPARSA DO ENTROIDO LAXENSE 2020, para grupos de máis de 10 persoas.
4. INSCRICIÓNS.
Toda persoa e/ou grupo que desexe participar no concurso, deberá inscribirse presencialmente na Casa do Concello e entregar no Departamento de Cultura a súa folla de “Solicitude de participación no Concurso do entroido laxense 2020”, que se adxunta a esta proposta de bases como ANEXO I, e que estará ó dispor das persoas interesadas en ditas oficinas.
Tamén será posible facer a inscrición telemáticamente a través da sede electrónica municipal.


O
prazo de inscrición estará aberto dende as 12.00 horas do xoves 13 de febreiro do 2020 ata as 15.00 horas do xoves 20 de febreiro do 2020. Fóra destre prazo non se admitirá ningunha inscrición salvo casos xustificados de forza maior.

5. XURADO E CRITERIOS DE VALORACIÓN.

O xurado estará formado por un mínimo de 3 persoas designadas polo Concello de Laxe e que se tratará que sean alleos ó persoal do Concello. Presidiráoo e exercerá de secretaria a Concelleira de Cultura ou persoa en que delegue, quen terá dereito de voz pero non voto.

Os criterios a valorar para determinar as persoas, grupos e/ou comparsas que resultan seleccionadas para recibir os agasallos do entroido 2020, serán os seguintes:

- En relación ós disfraces: orixinalidade, creatividade e elaboración propia, vistosidade e colorido.

- No caso de grupos e/ou comparsas: orixinalidade e unidade da temática elixida, coordinación entre os diferentes elementos postos en escea e presencia ou non de carroza.

- En relación ó espectáculo: Orixinalidade e exclusividade, preparación previa e grao de simpatía do entroido e/ou comparsa.

Cada un dos criterios, puntuarase por cada membro do xurado nun intervalo de 0 a 10 puntos, entendendo o 0 como valor mínimo e o 10 como o máximo.

A DELIBERACIÓN DO XURADO terá lugar o mesmo DOMINGO 23 DE FEBREIRO despois de rematar o desfile e actuacións de entroidos e comparsas. A resolución do xurado coñecerase o mesmo día ó redor das 19.30 horas e este será inapelable.

O xurado poderá declarar deserta calquera das categorías de agasallos se considera que os participantes non reúnen uns mínimos de calidade. En ningún caso, o Concello se fará responsable do contido, letras, parodias ou disfraces elixidos polas persoas, grupos e comparsas participantes, podendo, previamente a súa actuación, descalificar aquelas propostas que se consideren vexatorias, especialmente para as minorías étnicas, persoas con discapacidade, etc.

O xurado será competente para resolver calquera circunstancia ou elemento non previsto nestas bases.

6. AGASALLOS.

O premio para cada unha das categorías expostas no apartado 1 destas bases, consistirá no recoñecemento público mediante a entrega dun diploma e un agasallo conmemorativo.

7. DATOS PERSOAIS E DEREITOS DE IMAXE

Os datos persoais recollidos na inscrición ó concurso, serán empregados, unicamente, coa finalidade de xestionar e executar este concurso.

O/s nome/s e apelidos da/s persoa/s gañadora/s, así como as fotografías tomadas das persoas no momento da recollida e entrega do agasallo do concurso, faranse públicos para o seu xeral coñecemento tanto ós medios de comunicación locais como a través dos medios de comunicación e redes sociais dependentes do Concello de Laxe, previa autorización da persoa/s gañadora/s outorgada a través da mesma folla de inscrición. De acordo co Regulamento da Unión Europea 2016/679, do 27 de abril de 2016, relativo á protección de datos das persoas físicas e á libre deses datos, así como coa Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos persoaisfacilitados para a participación no concurso, serán incorporados en ficheiros dos que é responsable O Concello de Laxe.

Estes datos serán tratados de xeito totalmente confidencial e serán usados exclusivamente para os fins expresados.

Se desexa exerce-los seus dereitos de acceso, rectificación, oposición ou cancelación dos seus datos persoais que figuran nos nosos rexistros, por favor, solicíteo escribindo un correo electrónico a cultura@concellodelaxe.com ou enviando unha carta ó noso enderezo postal indicado na cabeceira do documento.

A organización realizará unha cobertura fotográfica dos diferentes momentos do concurso de disfraces.

8. ACEPTACIÓN DAS BASES.

A inscrición e participación neste concurso, implica a total aceptación destas bases.

En Laxe, a 13 de febreiro de 2020.

Raquel Lema Allo,
Concelleira delegada de Cultura.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal