MÚSICA E TEATRO

Dende o 02-03-2021 ata o 31-03-2021

MUSICA E TEATRO MARZO 2021

SÁBADO 13 DE MARZO






SINOPSE:


"Tabú" é o novo espectáculo de Carmen Conde, que nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.

Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o  que somos agora nós: fillas do Tabú.

Un tendal para poñer ó clareo todas as intimidades.






EQUIPO TÉCNICO E ARTÍSTICO

Carmen Conde: recollidas, creación e narración oral.
Nastasia Zürcher: música en vivo.
Su Garrido Pombo: música en vivo.
Ezequiel Orol: deseño sonoro.
Diego Gallego: produción.

CARMEN CONDE (Lugo, 1985)

Carmen Conde  é licenciada en Filoloxía Hispánica pola USC, diplomada en Dramaturxia pola ENERC (Buenos Aires). Contadora con funcións nas dúas beiras do Atlántico. Autora de relatos breves para nenos e para adultos,  humorista de comedia unipersonal con varios espectáculos ("Las Muñecas Rusas", "Trinidad", "El Efecto Kuleshov", "Contos Ultramarinos" e "Premios Darwin", esta última   gañadora do premio a Mellor Comedia por parte de Hipócrita Teatro). Guionista en Dama Negra Films (curtametraxes de ficción) e en Falperra Producciones (documental). 

Dramaturga. Mestra de teatro no centro de Dano Cerebral de A Coruña ADACECO. Co-organizadora do micro aberto e do laboratorio de creación Serpes na Cachola dende 2017. Dende 2009 imparte obradoiros de relato breve, micorrelato e narración oral. Gañadora do Slam de Poesía Oral Zona Norte en Buenos Aires (2015).

Gañadora da I edición do Slam Poetry Compostela (2018). Co-fundadora, xunto con Diego Gallego, de Tarabela  Creativa.

SÁBADO 20 DE MARZO

A COMPAÑÍA

  • Premio do Público Festiclown 2017
  • Espectáculo mellor valorado polo público en Domingos do Principal 2018
Píscore chega para levar a todas as prazas e teatros a  mellor comedia musical e xestual. Son unha compañía que naceu na primavera de 2016 e que homenaxea co seu nome á famosa “Esther Píscore”, trasunto da musa da danza, Terpsícore, un coñecido gag de Les Luthiers. Teñen a premisa de facernos rir dende o virtuosismo musical, a elegancia e unha estética moi próxima á comedia xestual máis clásica.

Catro actores/músicos con ampla formación musical
(forman parte doutras agrupacións como Odaiko, A  Magnifique Bande dos Homes Sen Medo...) e experiencia escénica presentan no 2019 a súa segunda proposta tras o éxito de Concerto Singular.

O ESPECTÁCULO

Despois de cen funcións co seu primeiro espectáculo  Concerto Singular (e Plural) - Premio do Público Festiclown 2018, Espectáculo mellor valorado en Domingos do Principal 2018 –, Culturactiva S. Coop. Galega e a compañía Píscore presentan a súa segunda montaxe, Concerto Con Fusión.
Mantendo a anterior e exitosa liña de traballo marcada pola compañía, en esta produción (con)fusionamos música, teatro, humor, comedia xestual, clown e participación do  público. Cunha marimba como eixo principal do espectáculo, Concerto con Fusión incorpora diversos matices musicais, cunha vocación popular e con cabida para diferentes ritmos musicais: música
latina, rock & roll, reggae, pop ou música disco.
Catro músicos, descoñecidos, de estilos moi diferentes, chegan ao escenario sen os seus instrumentos. O descubrimento dunha marimba fai que, o que podería ser un desastre, se converta nun divertido exercicio de virtuosismo, cooperación e fusión musical. Entre partituras, atrís e baquetas, os catro protagonistas van descubrindo, pouco a pouco, tema a tema, que teñen un pasado en común e unha incrible habilidade para crear músicas (con)fusionando estilos e os máis impensables instrumentos.

DOMINGO 21 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DA POESÍA

SINOPSE

Neste espectáculo musical de carácter lúdico e didáctico  queren achegar ao público a nosa lingua nun diálogo, cantado e contado, que pon en valor as nosas raíces lingüísticas coa figura de Martín Codax e outros trobadores da literatura medieval galego-portuguesa.

O obxectivo fundamental é dar a coñecer as nosas raíces literarias e enriquecelas vinculándoas coa creación musical contemporánea.

Ao longo do espectáculo, contarán o que sucedeu historicamente dende a época dourada do galego ata a súa caída, explicarán certas curiosidades sobre o Pergaminho Vindel ou o Pergaminho Sharrer e tamén interpretarán outras composicións que naceron xa no século XX coa intención de fortalecer a nosa lingua recuperando as antigas formas medievais (neotrobadorismo), todo isto sen esquecerse doutros artistas actuais co obxectivo de poñer en valor a nosa palabra cantada.
Alén disto, farán reflexionar sobre a natureza autorial das cantigas de amigo, achegando outras teses, como a de Ria Lemaire, que apuntan claramente cara á muller como figura autorial non recoñecida e invisibilizada ao longo da Historia.

BREVE HISTORIAL

Iris Gey e Xoán Curiel presentan Ao encontro de Martin Codax, un espectáculo co que teñen tocado por toda  Galicia, Portugal, Euskadi e Barcelona.

Breve historial Xoán Curiel

Xoán Curiel presentou no 2019 o seu sexto disco Canta  miña pedra, canta (Ed.Galaxia). Dende o ano 1997 en que comeza os seus estudos teatrais, participa en  espectáculos, festivais e xiras nacionais e internacionais. Recibíu o premio Mejor Album en Lengua Gallega nos V  Premios de la Música Independiente e o Premio Martín Códax da Música na categoría de Música Infantil. Ademais foi nomeado en numerosas ocasións a diferentes galardóns. Dirixiu o 1º e 2º Certame de canción de autor en galego do Concello de Teo. Participa en diversos discos, filmes e  documentais. Como cantante faino no filme galego-cubano Maimiño (2015) con cancións compostas por Silvio Rodriguez para dito filme; nos discos A Minha Embala de Aline Fração e Arrolos de Salitre de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, ect.. Como compositor e cantante intervén no disco CoraSons (Editorial Kalandraka).
As súas cancións traducíronse e interpretáronse en español, portugués de Portugal e de Brasil, alemán, italiano e inglés dos EEUU entre outros. Forma parte, como actor e músico, da compañía Os Quinquilláns durante 8 anos con mais de 500 representacións e 5 obras. Realiza diversas xiras internacionais (Brasil, Arxentina, Italia, Portugal, Francia, Azores, EEUU…).
Crea e dirixe os seus propios espectáculos para tódolos públicos dende o ano 2005.

Breve historial Iris Gey:

Escritora e cantante profesional. Colabora con Xoán Curiel no espectáculo Ao Encontro de Martín Codax. Ademais colabora con este artista no seu primeiro disco Nai (disco adicado á figura da muller). Áccesit do Premio Modesto R. Figueiredo 2016 co relato: Cráneos privilexiados Gañadora do XX Certame de relato curto (Concello de Mugardos) na categoría de maiores de 18 anos. Gañadora do Premio de Creación Literaria e Ensaio convocado pola Universidade de Filoloxía da UDC. Nós, os degradados, relato gañador do XIX Premio de Creación Literaria e Ensaio convocado pola Univer-sidade de Filoloxía da UDC. Licenciada en Filoloxía Galega Licenciada en Filoloxía Hispánica pola UDC. Estudos no Conservatorio Profesional de Música de A Coruña Grao Elemental e dous cursos de Grao Me-dio na especialidade de piano.

SÁBADO 27 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DO TEATRO

Lambetadas é un espectáculo para público familiar e infantil, recomendado para nenas e nenos de 6 a 11 anos de idade, que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. O traballo de creación baséase nos textos encargados ex profeso a varios autores (Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa), que son levados a escena baseándose no universo do clown e nas técnicas do teatro de obxectos. Mediante o xogo escénico e o humor, os dous protagonistas han pasar por diversas situacións cómicas que os levarán, sempre desde unha linguaxe naif e inocente, a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas. Pero han acabar descubrindo que a identidade está na propia lingua, porque con ela se poden saborear as lambetadas máis doces e variadas.

SINOPSE

Dous personaxes excéntricos entran en escena. Como non saben quen son, nin de onde veñen, nin cara a onde van, non lles queda máis remedio que coñecérense, tanto un ao outro como a eles mesmos. O que descobren é que para atopar a súa identidade deberán saber o que lles pasa ás súas linguas. Porque sen unha lingua propia chea de saúde non se poden lamber as lambonadas, que é o máis rico que hai. Hai linguas e linguas. E non hai unha igual cá outra. Iso si: cada quen lambe coa súa. Non vai lamber con outra. Porque se tes unha lingua tes que empregala. E vale para lamber calquera cousa. E para falar de calquera cousa. E en calquera situación. Porque todas as linguas valen para o mesmo. Para entenderse. Para comunicarse. Para dicir o que cada quen queira dicir. E para lamber o que cada quen queira lamber. Para lambiscar e gozar, para darse gusto.

Ficha artística
Dirección: Santiago Cortegoso
Elenco: María Ordóñez e Diego Rey

Portal cidadán de Laxe © by Abertal