31/01/2024 Comeza a conta atrás para celebrar o LaxEntroido 2024

LaxEntroido 2024

  • A terceira edición do certame Participativo de Entroido repartirá un total de 500 euros en premios nas categorías Individual Infantil, Individual Adulto, Grupo, comparsa e Mellor Cabezudo
 
  • A gran festa celebrarase o sábado, 10 de febreiro, no Pavillón Polideportivo Municipal, a partir das 18:30 horas
 
  • O sábado 17 realizarase o tradicional Enterro do Caietano, a partir das 18:30 horas na Praza dos Voluntarios
 
  • O prazo de inscrición para participar no IV Certame de Escaparates Entroideiros
  Laxe, 31 de xaneiro de 2024 – O Concello de Laxe organiza, xunto coa colaboración de asociacións de veciños e veciñas do municipio, o ‘LaxEntroido 2024’, para contribuír á dinamización promoción e diversificación do entroido no Concello, que inclúe a celebración da terceira edición do Certame Participativo de Entroido.  

O sábado 10 de febreiro, a partir das 17:30 horas, terá lugar o Desfile de Entroido e Comparsas, que estará inaugurado por D. Caietano e animado pola charanga ACDC e pola Lilicleta Disco Móbil.  

Ese mesmo día, a partir das 18:30 horas no Pavillón Polideportivo Municipal, comeza a gran festa con inchables, baile, música e un fotomatón, ademais de filloas e chocolate de balde para todas as persoas asistentes. Como fin de festa actuará de novo a charanga ACDC.  

Durante a festa celebrarase o Certame Participativo de disfraces, que conta con catro categorías: Individual (infantil e adulta), Grupal (os grupos estarán formados por un mínimo de 2 e un máximo de 4 persoas) e Comparsa (grupos de 5 ou máis persoas). Ademais, o Concello de Laxe poderá outorgar un premio especial “Mellor Cabezudo do LaxEntroido 2024”.  


Os premios a outorgar suman un total de 500 euros, que en función da categoría repártense do seguinte xeito: 50 euros para a categoría Individual, tanto infantil como adulta; 100 euros para a categoría grupal e 250 euros para a categoría de Comparsa. O premio ao mellor Cabezudo do LaxEntroido tamén percibirá 50 euros, como as persoas gañadoras da categoría individual.  

O prazo para inscribirse comeza desde o día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) ata as 12 horas do venres, 9 de febreiro. De xeito excepcional, o Concello de Laxe habilitará un breve período de inscrición o mesmo día da celebración do Certame, en horario de 16 a 17 horas no andar baixo da Casa do Concello para solicitudes de última hora.  


As inscricións poderán presentarse de forma presencial, entregando a propia folla de inscrición no Rexistro Xeral da Casa do Concello; de xeito telemático, ben a través dun trámite de solicitude xeral na Sede Electrónica Municipal e achegando como anexo a folla de inscrición, ou ben presentando a documentación en calquera oficina de Rexistro municipal. A derradeira opción, por correo postal,  poderá efectuarse sempre e cando se adiante a copia da solicitude debidamente selada na oficina de correos correspondente no enderezo cultura@concellodelaxe.com, no prazo establecido.  

A principal novidade de este ano é que o xurado estará composto por tres persoas pertencentes ó grupo musical contratado para dinamizar a festa, a charanga ACDC, tratando dese xeito que sexan alleas ao Concello de Laxe, coa finalidade de garantir a máxima imparcialidade e obxectividade das votacións.  

O sábado, 17 de febreiro, terá lugar o Enterro do Caietano, co velorio e a misa cómica na Praza dos Voluntarios a partir das 18:30 horas. O desfile de despedida animado por Latexo Percusión ata a zona de Ramón Juega.   Ao remate farase a queima pirotécnica do Caietano e, xa a partir das 20 horas, haberá música, baile, animación e malabares con Peque Disco Moc Moc.  

O IV Certame de Escaparates Entroideiros xa está en marcha

Segue aberto o prazo para participar no IV Concurso de Escaparates Entroideiros, para o que os establecementos comerciais e hostaleiros do municipio xa se poden inscribir, ata o día 8 de febreiro.  

As votacións realizaranse a partir da publicación das imaxes o 9 de febreiro, e a resolución farase pública o 19 de febreiro, día no que se entregarán os diplomas e o agasallo conmemorativo ao local que máis votos reciba.  

Desde o Goberno do Concello de Laxe animan a todo o mundo, veciñanza e visitantes a gozar do LaxEntroido neste 2024, disfrazándose e participando nas actividades que desde a entidade local organizan en colaboración coa veciñanza.    

Portal cidadán de Laxe © by Abertal