19/04/2024 Laxe xa conta coa súa pista de pádel e o seu parque biosaudable para uso e desfrute da veciñanza

O Concello de Laxe xa conta coa súa pista de pádel e o seu  bioparque na zona de Cabo da Area. Francisco Charlín, alcalde do municipio, Begoña Gegúndez, concelleira de Deportes, membros da corporación municipal e Roberto García, pertencente á Secretaría Xeral para o Deporte, inauguraron esta mañá as instalacións.

Trátase dunha pista normalizada para a práctica de pádel, de 20 metros de longo e 10 metros de ancho de superficie. O terreo de xogo está formado por céspede artificial e descansa sobre unha lousa de formigón poroso. O espazo está rodeado cun peche metálico e de vidro temperado para cumprir cos requisitos e reglas establecidas para a práctica desta modalidade deportiva.

No orzamento da actuación, que ascende a 48.395,93 euros, inclúese tamén o alumeado da pista, que conta con catro proxectores LED de 200 W instalados sobre posters metálicos galvanizados.

No resto da zona colocáronse diferentes máquinas deportivas para a realización de exercicios físicos. O espazo inclúe unha bicicleta, unha elíptica, un temón/volante, un banco para abdominais, entre outros aparatos para realizar todo tipo de actividades.

O rexedor destacou que esta actuación “aumenta a oferta de actividades na zona deportiva xa existente no propio núcleo urbano cunha das disciplinas que está máis de moda na actualidade como é o pádel”.

Solicitude de uso  

As persoas interesadas en gozar do seu uso poderano solicitar a partir do día de hoxe, 19 de abril, na Casa do Concello.  

Durante o primeiro mes o servizo será completamente de balde e estableceranse quendas de uso dunha hora e media de duración. Todas as persoas menores interesadas en facer uso do mesmo deberán solicitalo acompañadas dunha maior de idade

Portal cidadán de Laxe © by Abertal