24/07/2019 A REGATA “CABOS DO NORTE, A RECALADA DO CAMIÑO MARÍTIMO” CHEGARÁ ESTE MÉRCORES 24 DE XULLO A LAXE.

A novena edición da regata “Cabo Norte, a recalada do Camiño Marítimo”, unha das máis esixentes desta modalidade das que se celebran en Galicia, recalará este mércores 24 de xullo en Laxe.

Sada e Laxe unen as súas forzas nunha travesía espectacular, na que ao redor de 25 barcos participarán, os días 24 e 25 de xullo, nesta regata de ida e volta, cun total de 80 millas de duro percorrido pola Costa da Morte. 

Tras anos de chegadas a Viveiro, o Club Náutico de Sada deu un envorco ao seu “Cabos do Norte”, que esta vez partirá rumbo a Laxe. En total, 40 millas de ida e outras tantas de volta, os días 24 e 25 de xullo, nunha travesía na que tomarán parte ao redor de 25 barcos, divididos en catro clases. 

A presentación desta competición deportiva tivo lugar en Sada o pasado 18 de xullo nas instalacións do seu Náutico, coa presenza, entre outros, do presidente da entidade, Enrique Tostado; da directora xeral de Turismo, Nava Castro; do alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón; e do técnico de deportes do Concello de Sada, Juan Devesa. 

A primeira das probas tomará a saída o mércores ás 11.00 horas desde Sada e chegará ata Laxe, onde o Concello tenlle organizada unha pequena festa de benvida aos regatistas, en agradecemento por escoller este porto como destino.

Ofrecerá unha “ Xurelada”, que está aberta a todos, tanto os regatistas como todos aqueles que se acheguen ata Laxe, para ver e animar aos participantes da regata. 

O Goberno local de Laxe quere que estas citas deportivas vinculadas ao mar se convertan  nun atractivo máis da localidade, dentro da súa estratexia de desenvolvemento turístico. O club organizador espera que todo salga segundo o previsto, nesta primeira experiencia da regata pola Costa da Morte. 

Portal cidadán de Laxe © by Abertal