28/01/2021 Declaración definitiva da Igrexa Parroquial de Santa María da Atalaia de Laxe como Ben de Interese Cultural de Galicia na categoría de MONUMENTO

O Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 28/01/2020, acaba de acordar a declaración definitiva da Igrexa Parroquial de Santa María da Atalaia de Laxe como Ben de Interese Cultural de Galicia na categoría de MONUMENTO.

Remata así un expediente que se iniciou en decembro de 2017, quedando tan só a publicación
do decreto do acordo que recolle esta declaración de BIC de Galicia nos vindeiros días no DOGA.

A Igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe é un espazo patrimonial dunha gran singularidade tipolóxica e representativo do gótico mariñeiro característico da Costa da Morte.

A igrexa foi fundada por Juana de Castro Lara e Guzmán, condesa de Altamira, quen iniciou a súa construción a principios do século XV sobre, probablemente, un solar que xa ocupou unha capela do século XIII, nunha contorna privilexiada desde a que se controlaba o porto, a praia e a vila. A estas actuacións fixo referencia a súa filla, Urraca de Moscoso, nun testamento manuscrito redactado dous días antes da súa morte (1498), e no que deixaba unha suma de diñeiro para concluír as obras.

A torre-campanario situouse coincidindo co altar maior. Está presidida por unha escaleira pétrea con acceso exterior, e con tres releves góticos no seu balaustre, datados no século XV. A igrexa da Atalaia é o Baluarte de Laxe xa que non foi desde as súas orixes só un lugar de culto e oración senón de protección física para os veciños da localidade ao contar con potentes muros de pedra e robustos contrafortes. A Atalaia de Laxe estivo defendida por unha troneira de canóns, hoxe desaparecida.

A decisión desta declaración de BIC de Galicia vira ao redor dos seus valores construtivos, a súa localización na vila, a relación que o templo mantivo, e mantén, co mar e a paisaxe mariñeira e por tratarse dun conxunto desde o punto de vista patrimonial harmónico cunha tripla función: defensiva, civil e relixiosa. Este templo posúe un conxunto escultórico e decorativo notable, no que sobresae o retablo pétreo da Resurrección que, pola súa calidade, temática e singularidade é un exemplo sobranceiro do arte sacra en Galicia.

O retablo pétreo da Resurrección de Cristo contemplan cinco escenas, e unha delas o bloque 3, a aparición de Cristo resucitado á Virxe María, acompañado polos xustos liberados do Limbo é única en todo a arte sacra de España. Este retablo ten unha forte influencia inglesa na súa construción, e toca un tema moi pouco habitual na arte sacra de Galicia.

A súa vinculación coa defensa da Vila, a promoción do templo polos Condes de Altamira, a figura do Duque de Pacheco e os dominicos no mural de Santo Domingo de Guzman, o mesmo retablo pétreo, indícanos que aínda hai moita historia que descubrir deste templo e a súa relevancia na vila de Laxe, e na contorna da Costa da Morte.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal