20/11/2020 Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) do Concello de Laxe

Este proxecto foi cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Un dos problemas ambientais primordiais a que se enfronta a nosa sociedade na actualidade é a loita contra o cambio climático. A Comisión Europea puxo en marcha en 2008 o Pacto dos alcaldes (Covenant of Mayors), unha iniciativa aberta a todas as cidades e municipios en Europa co obxectivo de involucrar as autoridades locais e os cidadáns no desenvolvemento e na aplicación da política enerxética da Unión Europea.

A partir do éxito do Pacto dos alcaldes, en 2014 lanzouse a iniciativa Mayors´ Adapt. O 15 de outubro de 2015, a Comisión Europea lanzou o Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía (Covenant of Mayors for Climate & Energy), fusionando as iniciativas anteriores.

O Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía consiste no compromiso dos concellos signatarios de facer propios os obxectivos da Unión Europea para o ano 2030 e reducir as emisións de CO2 no seu territorio en, polo menos, o 40 % a través de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable, traballando pola súa vez na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia fronte a el, así como un aumento da cooperación coas autoridades locais e rexionais similares na UE e fóra dela para mellorar o acceso á enerxía segura, sustentable e alcanzable.

Para alcanzar estes obxectivos, os municipios adheridos ao Pacto comprométense a redactar un Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), nun prazo máximo de dous anos desde a data de adhesión. O PACES inclúe un inventario de referencia de emisións (IRE) e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Ademais, cada dous anos deberase presentar un informe de seguimento do PACES.

O Concello de Laxe adheriuse ao Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable o 26/09/2019.

Con data de 01/09/2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático notificou a este concello a concesión dunha subvención de 4.000€ para a elaboración e redacción do Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), que deberá estar rematado antes do 30 de novembro de 2020.

O Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) foi elaborado pola empresa concesionaria ENERGAL, Eficiencia Enerxética de Galicia S.L., e presentado ao Concello a inicios de novembro de 2020. O 20 de novembro de 2020 o PACES do Concello de Laxe foi subido a plataforma europea do Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía sustentable.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal