04/04/2018 TALLER DE COMERCIO ELECTRÓNICO E FIDELIZACIÓN DE CLIENTES | Xoves, 5 de abril

O xoves 5 de abril ás 20.30 h no Museo do Mar de Laxe, terá lugar un taller de comercio electrónico e fidelización de clientes. A actividade, de dúas horas de duración, está organizada pola Concellería de Comercio de Laxe en colaboración coa Federación Galega de Comercio.  

Trátase dun taller dirixido a emprendedores e autónomos, no que se darán a coñecer aspectos relacionados co negocio e o consumidor tales coma normativa de consumo, axudas, novas tecnoloxías, comercio electrónico, e fidelización da clientela, entre outros. Non obstante, tamén poderá participar calquera persoa interesada na temática.  

A actividade formativa contará coa dirección de persoal técnico con dilatada experiencia profesional e formativa nos temas a tratar.  

Por que organizamos esta actividade?  

Dende a Concellería de Turismo de Laxe somos conscientes das dificultades crecentes que presenta o comercio de proximidade para sobrevivir no mercado. Ás grandes superficies, cadeas e franquicias, hai que sumar o incremento das compras por Internet, que ofrecen o mesmo e más barato.   Ante isto, consideramos que o comercio local debe aproveitar ó máximo as posibilidades e atributos que lle son propios, coma a cercanía, ou o trato personalizado. Porque, se o pensamos detidamente, ningún destes valores é doado de re emprazar nas tendas online nin nas grandes superficies.

Para conseguir que se poñan en valor estes atributos, os autónomos e comerciantes teñen que estar preparados, e esta Concellería considera que as administracións deben implicarse no proceso. Pois, o pequeno comercio, ademais de darlle luz e vida ós concellos, é un medio sostible de creación de emprego e desenvolvemento local.  

O taller que se propón, contribuirá a mellorar a xestión do comercio, e a reforzar a súa existencia. Pretendemos, polo tanto, dar un paso decisivo para axudar a autónomos e empresariado a impulsar o comercio de proximidade.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal