Artigo 1º.-Servicio público da biblioteca e forma de xestión.
1.-As bibliotecas do Concello de Laxe son un servicio público de titularidade municipal e de carácter obrigatorio que se presta en exercicio da competencia que prevé o artigo 25.2.m) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
2.-O Concello xestiona directamente o servicio de bibliotecas municipais, a través da Concellería de Cultura, tendo a súa sede na Casa da Cultura de Laxe.
3.-As bibliotecas públicas municipais de Laxe estarán integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia e inscritas no Rexistro de bibliotecas de Galicia.
Artigo 2º.-Finalidades das bibliotecas.
1.-As bibliotecas municipais son unha institución que teñen por finalidade facilitarlle ós cidadáns o exercicio do dereito á cultura e á información, divulga-la lectura e promover especificamente a lingua e cultura galegas.
2.-A través das bibliotecas municipais o Concello fomentará a lectura como medio de acceso ó pensamento e ás ideas humanas. Con esa finalidade desenvolverá periodicamente campañas de animación á lectura, especialmente entre os máis novos.
Artigo 3º.-Rede de biblioteca municipal.
1.-A rede de bibliotecas municipal está composta pola Biblioteca Pública Municipal emprazada na Casa da Cultura, fará de cabeceira do sistema municipal de bibliotecas, a Axencia de lectura de Traba, e as que no futuro puidesen crearse.
2.-A Biblioteca Central é o punto principal da rede municipal de bibliotecas no que se centralizan as adquisicións de fondos, a organización e a catalogación.
3.-As Axencias de lectura son puntos bibliotecarios municipais dependentes da Biblioteca Central.
4.-A dirección técnica corresponde ó Bibliotecario municipal.
Artigo 4º.-Dos fondos bibliográficos.
1.-Os fondos bibliográficos de tódolos puntos bibliotecarios anteriores están compostos polas adquisicións propias con cargo ós presupostos municipais e as doazóns de particulares ou entidades. Estarán a disposición do público debidamente catalogados e clasificados en diferentes seccións.
2.-A biblioteca municipal disporá dun catálogo dos fondos, con acceso para o usuario. Os catálogos responden á normativa internacional e, nun futuro próximo, os datos presentaranse informatizados, con descricións baseadas no formato MARC.
3.-A biblioteca municipal de Laxe disporá de publicacións periódicas, arquivándose na Biblioteca Central aquelas que se consideran de interese, sendo norma xeral o arquivo durante un mes para os xornais e un ano para as revistas.
4.-Os fondos, bibliográficos ou non, atópanse a disposición do público, de xeito gratuíto, para consulta nas salas ou préstamo a domicilio. O usuario terá ó seu dispor desideratas a través das que poderá propor novas adquisicións.
Artigo 5º.-Servicios da biblioteca.
1.-A biblioteca pública municipal presta os seguintes servicios básicos:
a) Información bibliográfica
b) Consulta en sala
c) Préstamo a domicilio
d) Hemeroteca
e) Sección infantil-Xuvenil.
F) Conexión a internet.
2.- A Biblioteca Central terá unha sección local na que se conservarán obras e documentación relativas ó municipio ou de escritores que teñan relación co mesmo.
3.- A Biblioteca Central dispón dun fondo de CD-ROM, videos e DVD que serán obxecto de préstamo e utilización nesta sala.
4.- O Director das bibliotecas deberá posuír titulación universitaria e contar con formación técnica nesa especialidade.
5.- O persoal auxiliar deberá ter unha titulación mínima de graduado escolar e posuír coñecementos de biblioteconomía básica.
Artigo 6º.-Horario de atención o público.
1.-O horario de atención ó público da biblioteca Central municipal será de alomenos 20 horas á semana, ó longo de cinco días, en xornada de tarde.
2.-O horario de atención ó público nas axencias de lectura será de alomenos 15 horas distribuidos en tres días de luns a venres.
3.- Durante a tempada de verán, dende o 15 de xuño ó 15 de setembro adoptarase un horario continuado de mañá durante cinco días á semana.
4.- O horario de atención ó público figurará, en lugar visible, na entrada das bibliotecas.
Artigo 7º.-Coordinación cos centros escolares.
O Concello promoverá a coordinación do funcionamento das bibliotecas municipais coas dos centros escolares do municipio, de conformidade coas directrices que sinale a Xunta de Galicia.