CAPITULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º.-Definición

1. Enténdese por Arquivo Municipal o conxunto orgánico de documentos ou a reunión de varios deles, de calquera época e soporte documental, producidos e acumulados polo Concello no exercicio das súas funcións e actividades, conservados como testemuña e garantía dos dereitos e deberes da Administración e dos cidadáns, como fonte de información para a xestión administrativa e para todo tipo de investigación. Tamén poderán formar parte do Arquivo Municipal todos aqueles outros fondos que pasen a incrementar o patrimonio documental do Concello a través de doazóns, compra, depósito ou calquera outra forma.

2. Igualmente enténdese por Arquivo Municipal a unidade administrativa onde se reúnen, custodian, comunican e difunden estes conxuntos orgánicos, por medio de técnicas que lle son propias para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º.-Funcións


1.- Sistematizar a xestión documental do Concello dende a creación dos documentos ata a súa conservación temporal ou definitiva.

2.- Reunir, custodiar, comunicar e difundir os seus fondos por medio dos métodos e técnicas que lle son propias.

3.- As funcións enumeradas, e calquera outra que se considere integrante do Arquivo, desenvolveranse conforme ó disposto no presente Regulamento e, no seu defecto, no establecido na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, no Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, que aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o Real Decreto Lexislativo 791/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o Texto refundido das disposicións vixentes en materia de réxime local, a Lei 16/1985, do 25 de xuño, de Patrimonio Histórico Español, o Decreto 397/1989, do 23 de novembro, polo que se regula o Sistema de Arquivos e Patrimonio Documental de Galicia, e demais normas vixentes.

Artigo 3º.-Adscrición

1. O Arquivo Municipal dependerá da Alcaldía, xa que é o órgano executivo, de coordinación e planificación do Concello, independentemente das delegacións que efectúe de acordo coa lei.

2. O Arquivo Municipal pola súa especialidade funcionalo terá carácter autónomo.


Artigo 4º.-O persoal do Arquivo

1. A dirección científica, técnica e administrativa do Arquivo correspóndelle ó arquiveiro, que terá a categoría administrativa recoñecida na relación de postos de traballo do Concello.

2. O persoal do Arquivo está suxeito ó segredo profesional no que respecta a aquelas informacións recollidas entre a documentación que custodia, de acordo coa normativa vixente.

3. O arquiveiro propoñeralle ó Concello a aprobación das normas de réxime interno que regularán o funcionamento concreto do Arquivo.

4. As chaves do Arquivo Municipal estarán baixo a custodia directa do arquiveiro, quen, no caso de necesidade delegará naquela persoa do mesmo servicio de arquivo, ou no seu defecto, na Secretaría Xeral do Concello.


Portal cidadán de Laxe © by Abertal