Fondo José Vidal

O dezaoito de decembro de 2008 o legado fotográfico de D. José Vidal García, foi cedido ó Museo do Mar de Laxe gracias ó cónxuxe e descendentes da súa filla, Dª Elba Vidal Eiroa. Estamos ante a doazón dun fondo fotográfico de primeira magnitude, mestura de arte e actividade comercial, e que sen ningún tipo de dúbida serve para recuperar as persoas, os feitos e en xeral a realidade social da costa da morte dende finais do XIX ata finais do S. XX., xa que neste fondo atopanse tamén integradas fotografías feitas por Plácido Vidal, pai de José e avó de Dª Elba Vidal Eiroa.


Fondo José Vidal

En xullo de 2009, tras a sinatura do convenio de colaboración entre a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o Concello de Laxe, comezaron os traballos vencellados á creación e organización do arquivo fotográfico do Museo do Mar de Laxe. Ata de agora o traballo levado a cabo durante o 2009 é o seguinte:


1.- Limpeza e inventariado.

Estantería Fondo José Vidal

É unha fase previa á da instalación do material. Como resultado da mesma obtivemos unha descrición física completa do fondo José Vidal. Nesta fase pretendíamos realizar unha limpeza das fotografías e das caixas que as contiñan, medir e contar os materiais, anotando a súa tipoloxía e o seu estado físico, e illaronse aqueles que se atopasen contaminados por fungos.

Inventariado e limpeza do material


Estas dúas accións correron de xeito parello.Cada caixa foi numerada. Limpouse o seu exterior cun aspirador de museo. Unha vez aberta, quitouse o material, para aspirar o interior da caixa. Elimináronse obxectos catalizadores do deterioro, como gomas elásticas, clips, grampas, plásticos, materiais con adhesivos etc... Tamén se apartaron aquelas caixas que presentaban evidencias claras de contaminación por fungos. E finalmente, antes do reconto e medida das fotografías, limpouse unha por unha cunha brocha de pelo suave.

Nunha base de datos creada a tal efecto anotamos o seu número de reixstro, tamaño e inscricións, ademais da cantidade de matrices que contén, os seus formatos e deterioros, a cromía das imaxes e outras incidencias susceptibles de ter en conta. No rexistro de cada caixa sinálase tamén a fase de procesado no que se atopa a caixa (limpeza, instalación ou dixitalización).
A recopilación de tódolos datos referentes á descrición física das caixas foi moi traballosa, consumindo moitas horas de traballo.


Estantería Fondo José Vidal

O fondo está composto por 67035 unidades fotográficas, das que 50174 son matrices negativas en base plástica (44380) ou en soporte de vidro (5794), e o resto positivos en papel (16861). A técnica maioritaria é a xelatina de prata, tanto para os negativos como para os positivos, sendo as excepcións a esta técnica practicamente anecdóticas. O estado de conservación do fondo é regular; presenta unhas pautas de deterioro comúns en todo o material, sendo escasas as matrices intactas. Non hai moitas evidencias de contaminación por ataque biolóxico, se ben non se descarta por ter atopado fungos sobre o cartón dalgunhas caixas. Podemos arriscarnos a concluir que a paralización das pautas de deterioro que afectan a este fondo pasa pola simple instalación do fondo en condicións axeitadas.


2. Instalación e dixitalización.

Foto Antiga Autobús

Instalación:

Para cada unha das tipoloxías antes descritas encargáronse os material de protección directa axeitados para a instalación definitiva, todo el sometido favorablemente ao PAT (Test de Actividade Fotográfica, ISO 18916): caixas, sobres de catro solapas para as placas de vidro, camisas separadoras para os positivos en papel e sobres de poliester e reemay para os negativos de base plástica. No momento actual estase instalando todo o vidro e o papel, e estase a espera de recibir o material necesario para instalar parte dos negativos de base plástica.

Dixitalización:

Tal e como explicitamos no proxecto de organización do fondo, as tarefas de limpeza corren de xeito coordinado coa limpeza e a instalación. Os materias dixitalízanse unha vez limpos. Para levar a cabo a dixitalización adquiríronse dous escáneres Epson V700.
Nun primeiro paso na difusión do fondo é atender ás necesidades expositivas do Museo do Mar de Laxe, que se inaugurará en breves. Despois continuose esta tarefa segundo o programado. A comezos de 2010 contamos con aproximadamente 7000 imaxes dixitalizadas.


3. Catalogación

Equipo de Fútbol

Até o día de hoxe non se comezou coa fase de catalogación do fondo José Vidal. Para o vindeiro ano existe o compromiso da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de subministrar unha licencia do software Albalá para a catalogación do fondo fotográfico co cal poderemos integrar o fondo no sistema de xestión documental en rede dos Arquivos de Galicia.

Consideramos esta a mellor opción para a catalogación deste fondo, en canto ao emprego de estándares internacionais unificados, aos beneficios que nos reporta no referente á difusión do fondo e ao emprego de recurso compartidos que aforra futuros gastos de migracións, licencias de software etc.


4.- Continuidade dos traballos

As liñas polas que seguiremos traballando durante o 2010 están xa perfiladas, tanto polo devir do propio traballo, como polo proxecto inicial presentado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Queremos sinalalas a grandes trazos:

      a)Continuar coa limpeza e a instalación dos materiais. Consideramos esta acción prioritaria. Manter as fotografías en condicións ambientais adecuadas lonxe de axentes que manteñan a súa degradación garántenos o poder traballar e tomar decisións coa tranquilidade de que o noso patrimonio está preservado.
      b)Ao mesmo tempo, seguir coa dixitalización en baixa resolución. Desta maneira podemos ir examinando o material e preparando a catalogación do mesmo.
      c)Comezar coas actividades de difusión do fondo, tanto dende o propio Museo do Mar de Laxe como coa participación noutras exposicións ou a preparación de publicacións relativas ao mesmo.


Portal cidadán de Laxe © by Abertal