A.C. Maruxía

Banda A.C. Maruxía

A historia da BANDA DE GAITAS MARUXIA comezou o día 9 de Agosto do 1999, cando aproveitando que o mestre Bartolo estaba de vacacións en Laxe nos xuntamos os tres primeiros compoñentes (José, Alfredo e José Luis). Os primeiros pasos foron a base de soprar nos punteiros que nos deixaba Bartolo.

O día 30 deste mesmo mes había festa en Santa Rosa, Alfredo tivo a idea de xuntarnos para ir tocar a Santa Rosa. Alfredo tocaba o tamboril, Eloy o bombo, Bartolo, Inacio, José Luis e José as gaitas (José Luis e José enganaban a xente facendo que sabían tocar, pero solo conseguían mantela inflada). Foi así como a xente que nos viu entráronlle as ganas de aprender a tocar, entre eles estaban Víctor, Oscar, Eugenio e algún outro mais.

No mes de Setembro tiñamos cada un de nós a súa propia gaita. Por estas datas xa había algún compoñente mais e tamén xa estaban na nosa cabeza un feixe de ideas e soños de futuro. Entre estas primeiras ideas xurdiu a de formar unha Banda de Gaitas Municipal co nome de MARUXIA, aproveitando que o bombo existente xa estaba gravado con este nome.

Durante estes meses tivemos como mestre a Inacio, que complementaba o traballo de Bartolo os días que este non podía vir.

(Non podemos esquecer que durante moitos anos houbo un grupo de gaitas chamado MARUXIA, formado por rapaces moi novos - Inacio, Eloi, Álvaro, Roberto e Adrián - e cuxo mestre xa era Bartolo. A maior parte destes membros forman parte na actualidade da Banda de Gaitas)

A finais do mes de Novembro decidimos constituír unha Asociación Cultural, que estaba composta polos membros que ensaiabamos habitualmente; por unanimidade decidimos que Víctor fora o noso presidente.

O derradeiro día deste 1999 decidimos saír a tocar polas rúas de Laxe. Foi a nosa primeira actuación con público e os comentarios xerais foron positivos para o tempo que levamos. A banda xa a formamos nestes momentos uns 15 membros.

Por fin chega o día da nosa estrea oficial en Laxe, é o Domingo de Pascua (23/04/2000), a Banda de Gaitas MARUXIA estrea os seus traxes (cada compoñente comprou o seu traxe) e fomos tocar na procesión do Encontro do noso pobo. A continuación tocamos unhas pezas na praza de Laxe e marchamos tocando desde a praza hasta Villa Amparo, espéranos unha comida de confraternidade entre todos os compoñentes e achegados. Desde esta data temos fixado este día como "Día da Confraternidade" entre nós, e aproveitamos para colaborar coa Semana Santa de Laxe e disfrutar dun bo xantar.

O día 27 de Agosto do 2000 organizamos e celebramos o I Festival da Gaita Tradicional Galega en Laxe. Por invitación nosa viñeron actuar varios grupos de gaitas e baile da nosa comarca. A partires desta data estamos a facer o Festival o primeiro domingo de Agosto e contamos habitualmente coa presenza de 5 ou 6 bandas de gaitas tradicionais.

Tamén organizamos durante algún ano o Día do Traxe Galego e do Baile.

No ano 2005 gravamos o noso primeiro traballo baixo o nome de O SON DO MAR nos estudios da Radio Galega de Santiago.

No ano 2007 gravamos o noso segundo e de momento derradeiro traballo, baixo o nome de RECORDOS nos estudios MANS de A Coruña e baixo a colaboración da Deputación Provincial e a Fundación Paideia.

Resumindo hasta os nosos días, actualmente formamos a Banda de Gaitas MARUXIA uns 30/35 membros, sentimos moi unidos e comprometidos co noso folclore, e onde nos deixan mostrar o noso traballo, ben sexa no noso pais ou fora, alí estamos pasándoo ben e divulgando a nosa cultura e as nosas raíces.


Portal cidadán de Laxe © by Abertal