O Concello de Laxe atópase ao noroeste da Comunidade Galega, na zona denominada Costa da Morte, na provincia da Coruña. Ten unha extensión de 36,9 Km2 e desde o punto de vista sociodemográfico, posúe un número de habitantes de 3.579, dos cales 1.799 son varóns e 1.780 mulleres. Esta poboación distribúese en seis parroquias: Serantes, Nande, Traba, Sarces, Soesto e Laxe.
A pirámide de poboación é bastante equilibrada e homoxénea en canto a sexos, amosando maior concentración de mulleres na medida que avanzamos nas franxas de idade, debido á maior esperanza de vida do colectivo feminino, coincidindo este dato coa situación demográfica actual de Galicia. Polo tanto, situámonos ante unha realidade de poboación en proceso de envellecemento cun índice do 103,1(2002 IGE).
A poboación activa –1.232 persoas–, concéntrase fundamentalmente nos sectores da Agricultura (581), Construción (268) e Comercio (165), mentres o restante distribúese na Industria Extractora (5), Manufacturada (76), Producción de enerxía (4) e outros tipos (133) (Datos proporcionados polo proxecto SINGRA).
A distribución destes sectores produtivos está directamente ligada ao xénero como é o caso da Pesca e a Construción, onde o número de mulleres é practicamente inexistente, sendo a Industria, a Agricultura e o sector Servizos nos que o número de varóns e mulleres está máis equilibrado, aínda que o número de varóns ocupados é sempre superior, segundo datos do Instituto Galego de Estatística.
En canto á evolución do desemprego no ano 2004 é de salientar que a pesar de que éste descende de decembro de 2003 a xullo de 2004, o número de mulleres desempregadas apenas sofre variacións.
A taxa de paro é notablemente maior nas mulleres (121 en xullo do 2004 (IGE)) fronte aos homes (84 na mesma data); esta diferenza é máis apreciable nas persoas maiores de 25 anos (72 homes-104 mulleres), xa que ésta é a idade na que moitos e moitas xoves rematan a súa etapa de estudo ou preparación e tentan incorporarse ao mundo laboral. Esta precariedade laboral, común ao resto da autonomía en maior ou menor medida, tradúcese para as mulleres nunha desigualdade de soldos, en menos oportunidades á hora de acceder a un posto, na dificultade de conciliar a vida laboral coa doméstica e en certas carencias en canto a formación.
Respecto da participación social das mulleres, obsérvase unha representación política feminina baixa (de 11 concelleir@s atopamos 2 mulleres). En relación ao asociacionismo, percíbese un número escaso de asociacións e tan só unha centrada baixo a especificidade de xénero (unha asociación de mulleres cunha longa traxectoria e un número importante de mulleres).
A nivel educativo e de formación, atopámonos con 2 escolas unitarias, e un CPI que están traballando diferentes aspectos da educación non formal, entre elas a educación pola igualdade. Tamén cabe resaltar o labor dunha Escola de Nais e Pais. Estes eventos na actualidade están dirixidos polo Departamento de Servizos Sociais do Concello, en colaboración co Proxecto Singra.
A nivel sociocultural e de servizos sociais, o Concello leva a cabo unha programación de cursos variados e actividades estables como as de música e teatro, deportes, alfabetización de adultos e informática, entre outras. Cabe salientar a posible posta en funcionamento dunha radio local.
Ademais, é importante destacar as Xornadas sobre a Violencia de Xénero que desde o Concello se teñen celebrado durante tres anos e que resultaron un éxito de participación, de difusión e repercusión social, especialmente sobre as mulleres de Laxe.
No terreo sociosanitario, atopamos unha farmacia e un centro de saúde de atención primaria, onde se derivan as mulleres ós centros de Carballo ou COF da Coruña, sempre e cando sexa preciso. Son as mulleres as principias usuarias destes servizos ben polo cumprimento do seu rol como coidadoras, ben como pacientes.
Á vista destes datos, o I Plan de Igualdade Municipal do Concello de Laxe pretende achegar á poboación de Laxe unha ordenación racional dos recursos sociais, culturais, económicos e de urbanismo tendo como base o Protagonismo das cidadás e do Concello baixo o prisma da participación activa e do consenso e dende unha perspectiva de xénero. É unha planificación destinada a iniciar un camiño, o da igualdade real entre mulleres e homes, centrado na mellora das condicións de vida para Elas pero que beneficia a Tod@s no seu conxunto.