O Museo do Mar de Laxe amplía a súa colección permanente con nova documentación histórica relacionada co desaparecido Alfolí da vila (Almacén do Sal). O Concello conseguiu uns 22 documentos relacionados coa carga e descarga, recadación, distribución, orixe e destino do sal que se gardaba nos almacéns do Alfolí de Laxe.
O sal foi un produto de gran importancia ao longo da historia, polo menos ata mediados do século XIX, cando se comezan a desenvolver outros sistemas de conserva. Utilizábase para a conservación de carnes e peixes e tivo moita importancia no desenvolvemento na vila da actividade económica das Fábricas de Salga.
Este produto estaba gravado pola coroa, polo que o seu control estaba en mans da Dirección Xeral de Rendas pertencente á Secretaría de Estado de Facenda. Na devandita Dirección Xeral existía unha sección denominada “Renda de Salinas” que era a que levaba todo o relacionado co estanco do sal.
Nesta documentación que agora forma parte da colección do Museo do Mar podemos obter información sobre a carga e descargado sal, así como as rendas obtidas desta substancia relacionada co antigo Alfolí da vila de Laxe, que tamén abastecía a outros portos e pobos veciños. O período que abarca estes documentos abrangue desde o 1802 ao 1837.
Desde o Departamento de Turismo e Cultura do Concello de Laxe continuamos traballando na recuperación do patrimonio documental e gráfico que nos é propio para a súa salvagarda para as xeracións futuras. Visibilizar o noso pasado histórico é un dos eixos da nosa política cultural.