07/03/2023 O goberno local atribúe a polémica das escaleiras da rúa Sol á omisión dun procedemento na tramitación administrativa


Con respecto á polémica das lousas instaladas nas escaleiras da rúa Sol, o goberno local do Concello de Laxe informa que se tratou dunha omisión dun procedemento na tramitación administrativa.

As actuacións realizadas teñen de base un proxecto do ano 2018 enmarcado no Plan Único da Deputación da Coruña, no que se contemplaba o acondicionamento da rúa Sol e arredores.

Nun primeiro momento, reflectíase que o material que se empregaría sobre o pavimento sería pedra ‘artificial’, é dicir, lousa de fábrica. Sen embargo, en maio do 2019 o proxecto sufriu un modificado por requirimento de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, no que se establecía que se debía utilizar pedra natural. Este requirimento foi obviado polo director de obra, polo que as actuacións que se levaron a cabo non se corresponden coa actualización do proxecto, de aí estas diverxencias.

Así, despois da notificación por parte de Patrimonio, e que solicitaban a retirada deste material, técnicos da entidade da Xunta de Galicia mantiveron na mañá deste martes, 7 de marzo, un encontro co alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón, e co propio director de obra para esclarecer os feitos e saber que medidas adoptar de cara a atopar a mellor solución.

Desde o Concello agardamos que “esta situación se solucione canto antes” insistindo en que “como entidade debemos e queremos protexer o noso patrimonio, tanto urbano como cultural, xa que forma parte da nosa identidade como pobo”.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal