O Concello de Laxe, a través da área de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura, convoca a 17ª edición do certame de poesía Antón Zapata García co obxectivo de aproximar a figura do escritor á veciñanza ao tempo que se promove a creación literaria na súa vertente poética.
O prazo de presentación das obras será desde mañá, 21 de xullo, ata o 18 de agosto, coa entrega de premios prevista para o sábado 26 de agosto durante o 17º Solpor Poético que se celebrará na praia dos Cristais.
Haberá tres categorías de participación: infantil (ata os 11 anos), xuvenil (dos 12 aos 25 anos) e adulta (a partir dos 26 anos).
A obra deberá ser orixinal, inédita e non premiada; ademais de estar presentada en formato DIN A4 e cunha extensión entre os 20 e os 150 versos. Preferentemente o texto estará escrito en galego e cada traballo contará cun título e a firma do pseudónimo do autor ou autora.
As persoas interesadas en participar no concurso poderán entregar os seus traballo a través de tres canles: telemática (web municipal), presencial (Casa do Concello, de 9 a 13 horas) ou por correo postal (Avda. Cesáreo Pondal, 26, 15177 - Laxe).
Haberá tres premios de 100 euros para consumir en material de lectura/escritura.
Desde o Concello agardan que o nivel de participación sexa alto “ao igual que outros anos, posto que este certame é moi importante non só para a veciñanza de Laxe senón para todas aquelas persoas interesadas na vida e o obra de Antón Zapata, así como da poesía en xeral”.
Consulte as bases a continuación. ⤵