21/02/2024 José Luís Pérez Añón deixa a Alcaldía de Laxe por motivos de saúde

O alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón, anuncia que deixa a Alcaldía e o seu cargo de concelleiro por motivos específicos de saúde e consello médico.  

Nun escrito presentado este mércores, 21 de febreiro, Pérez Añón deu a coñecer a súa decisión, un paso que define como moi difícil polo “valor incalculable” que ten o traballo diario e as “inquietudes profesionais” que xorden ao fronte do Concello. Con todo, trátase dunha medida tomada tras unha profunda reflexión e que será “a correcta tanto para o meu benestar como para o do Concello de Laxe”, indica.

Pérez Añón foi electo nas dúas últimas eleccións municipais para presidir a Alcaldía, o que lle permitiu, tal e como asegura no comunicado, “aportar o meu modesto esforzo para favorecer a convivencia e o desenvolvemento deste Concello”. Aproveitou a ocasión, ademais, para agradecer á veciñanza pola “confianza” depositada no seu traballo nestes últimos anos.

O rexedor comezou o seu primeiro mandato no ano 2019, cunha ampla maioría absoluta que reeditou nos pasados comicios electorais, confirmando a confianza da veciñanza no seu proxecto.

Sinala que foi “un pracer e orgullo” representar a Laxe e agradece o traballo e o mérito de cada un dos compañeiros e compañeiras de goberno, así como ao resto de integrantes da súa candidatura, “que se mantiveron en todo momento ao meu lado, sempre coa mellor das disposicións para cooperar e traballar no proxecto político que entre todos levamos a cabo”. Estendeu os agradecementos a “todos os traballadores municipais” polo seu esforzo e empeño, así como pola súa capacidade “para traballar en equipo”.

Durante estes case 5 anos como Alcalde, segundo indicou, “centreime en mellorar o día a día da nosa veciñanza a través de servizos públicos de calidade e infraestruturas que melloraran o día a día das persoas”.

Pérez Añón finaliza así a súa etapa á fronte do Concello de Laxe e afirma que deixa o cargo para poder “dedicarlle máis tempo á familia e a todos os meus seres queridos no día a día”.


Portal cidadán de Laxe © by Abertal