08/05/2024 Laxe une maxia e cultura para celebrar ‘As nosas letras’ co Mago Teto

O Concello de Laxe, a través da concellería de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura, aposta por unir a maxia e a cultura para celebrar as Letras Galegas 2024.

Farao co espectáculo ‘As nosas letras’, do Mago Teto, o día 17 de maio ás 18:00 horas. A sesión de maxia, que se fará no Salón de Actos Culturais, rende homenaxe á cultura, á tradición e ás costumes galegas a partir dunha escolma de destacadas pezas da literatura galega.

O recoñecido mago xunta a maxia e as letras para ilusionar e divulgar o galego. Durante o espectáculo procederase á recomposición das cantigas de Afonso X, aparecerá a incrible espada enmeigada de Merlín e Familia e o espírito do mestre Castelao para facer os seus debuxos. Tampouco faltarán as adiviñas para lembrar as obras de Risco, Rosalía e Blanco Amor.  

A actuación, subvencionada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña, forma parte da programación cultural de maio, na que se realizarán diferentes actividades para celebrar esta efeméride.  

A concelleira de Cultura, Raquel Lema, destacou que se trata “dunha das diferentes actividades que temos preparadas para este mes e que buscan poñer en valor a literatura galega e dar a coñecer aos autores e autoras máis destacadas das nosas letras”.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal