11/05/2024 Laxe impulsa a sexta edición do certame ‘A mellor tortilla doce do Peñón’

O Concello de Laxe impulsa unha nova edición, e con esta van xa seis, do certame ‘A mellor tortilla doce do Peñón’. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer a celebración desta festa tradicional e fomentar a participación cidadá, dando continuidade a través das xeracións a un dos pratos gastronómicos típicos do municipio.  

O certame celebrarase o luns, 20 de maio, a partir das 18:00 horas, en Soesto, coincidindo co Día do Peñón.  

Poderán participar todas as persoas maiores de idade, ben profesionais ou afeccionadas ao mundo da cociña, que formalicen a súa preinscrición. Poderase facer ata ese mesmo día a través dos teléfonos 881 045 854 ou 981 706 90, por correo electrónico en cultura@concellodelaxe.com ou de maneira presencial nas oficinas de cultura do Concello, de 9:00 a 14:00 horas.

A formalización da inscrición farase no lugar habilitado ó efecto na Braña de Soesto o propio día, entre as 18:00 e as 18:30 horas.  

A receita deberá conter como mínimo cos ingredientes básicos da receita tradicional de “tortilla doce”: ovos, azucre, pan e leite. Cada persoa participante será libre de poder engadir outros ingredientes que estime oportunos e/ou convenientes, facendo uso da creatividade culinaria.

O xurado estará formado por 3 persoas seleccionadas de O Ben me Sabe de Laxe, a panadaría Lita de Neaño e a panadaría Foxiños de Ponteceso, con experiencia acreditada no ámbito da cociña e, máis en particular, na elaboración de doces. Entre os criterios para escoller a tortilla gañadora están: presentación, sabor, textura e orixinalidade.

Concluída a deliberación do xurado, o resultado do certame comunicarase ó mesmo tempo tanto á persoa gañadora como ao público asistente. A partir das 19:30 horas procederase a facer entrega do diploma e do vale económico “simbólico” de 120 euros para gastar no comercio e hostalaría locais.  

Música e moita animación  

Ademais de gastronomía, esta celebración estará protagonizada pola música e a animación. A partir das 17:00 horas haberá inchábeis e espectáculo a cargo de  D’Troula. A tarde estará amenizada, a partir das 18:00 horas, pola charanga ‘O Rumbo’.  

Desde o Concello animan a todas as persoas a participar, tanto veciñanza como visitantes, e apoiar este certame que non deixou de medrar nos últimos anos “cada vez é máis a xente que recoñece esta variante da tortilla salgada, e agardamos que siga sendo así e cada vez conquiste máis padais”, sinalou o alcalde, Francisco Charlín.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal