04/07/2024 O Concello presenta unha completa programación deportiva e cultural para este verán con actividades para todos os públicos

O Concello de Laxe impulsa unha completa programación de actividades para todos os públicos para a presente tempada estival.

Por unha banda, o pasado 1 de xullo deu comezo a primeira quenda dos ‘Peque Campamentos’, que se estenderá ata o vindeiro día 12. A segunda está programada para o período comprendido entre o 15 e o 29 de xullo e a terceira do 31 de xullo ao 13 de agosto. A rapazada poderá gozar de diferentes actividades de luns a venres, como manualidades, xogos, excursións á praia e á piscina, etc.  

Tamén o día 1 deron comezo os campamentos deportivos, nos que a oferta está baseada neste tipo de actividades: fútbol, pádel, paddle surf, etc.  

En agosto, os días 1 e o 2, terá lugar a Regata Rías Altas, organizado polo Real Club Náutico da Coruña e do 9 ao 10 celebrarase na praia de Soesto o Campionato Galego de Surf, organizado pola Federación Galega de Surf.  

Actividades e espectáculos culturais

No que respecta ás actividades culturais, darán comezo este xoves, 4 de xullo, con dous foros organizados por Percega. O primeiro, ás 11:00 horas, leva por título ‘Foro de Restauradoras/es e operadoras/es turísticas/os do GALP Costa da Morte’ e o segundo, ás 12:00 horas, titúlase ‘I+D+i Atlántica’. Ámbolos dous terán lugar no Museo do Mar de Laxe.  

A programación inclúe diferentes sesións de cine familiar ao longo do mes. A primeira parada será Traba, o día 13, coa proxección do filme ‘Meigallos’. O seguinte sábado, día 20, será a quenda de Soesto. Nesta ocasión a proxección será ‘Gisaku’. Por último, o sábado 27, proxectarase ‘O cid, a lenda’, en Sarces. Todas elas serán ás 22:30 horas.

Os venres será a quenda dos espectáculos. O día 19 será da man de Fran Bouza, que será o encargado de encher a praza de Ramón Juega de malabares e maxia. O seguinte, venres 26 de xullo, os grandes protagonistas serán os monicreques do Centro Dramático Galego, que chega a Laxe co seu espectáculo ‘De vilatriste a vilalegre’.  

Xullo despedirase coa celebración do IV Festival de Música Laxense na Praza dos Voluntarios, ás 19:00 horas. 

A edición XI do Mercado Pirata será a encargada de darlle a benvida ao mes de agosto. Desde o día 2 ata o 4 deste mes, a praza de Ramón Juega encherase de distintos postos de artesanía e alimentación e música e animación ambientada neste tema.  

Continuando cos espectáculos, o venres, 9 de agosto, serán os títeres os que invadan a praza de Ramón Juega da man de Títeres Alakrán, que representará o seu espectáculo ‘A pita xefa’.  

Neste mes haberá tres novas oportunidades para gozar dunha sesión de cine en familia. A primeira será o sábado, día 10, en Nande. Proxectarase a película ‘Demos de Barro’. A seguinte parada será Laxe ao día seguinte, domingo 11, coa proxección de ‘Donkey Xote’, na Praza dos Voluntarios. Por último, o domingo 18 poderase ver ‘O bosque animado’ en Serantes. Todas elas serán ás 22:30 horas.  

Seguindo coa música, o xoves 15, a partir das 11:00 horas, comezará o pasarrúas coa banda de música de Abegondo. O sábado 17 o pasarrúas correrá a cargo da banda de música de Ponteceso e a banda de gaitas Maruxía.  

O sábado 24 celebrarase o XVIII Solpor Poético e entrega de premios do certame de poesía Antón Zapata García. Será na praia dos cristais ás 20:00 horas.  

Xa en setembro, o primeiro gran evento será a I Foliada Maruxía, organizada polo grupo de gaitas homónimo. Será na praza dos Voluntarios ás 18:00 horas.  

Neste mes realizaranse tamén dous obradoiros na biblioteca municipal Antón Zapata. O primeiro, dirixido ao público xeral, será o sábado, día 14 de setembro, ás 18:00 horas. Tratará sobre o lixo mariño. O segundo será o día 21 á mesma hora e, nesta ocasión, será sobre un obradoiro sobre ‘Conciencia de muller’, dirixido a un público de 4 a 12 anos. Ámbolos dous requiren inscrición previa.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal