Durante esta mañá, Laxe mantivo na súa memoria e honrou a toda a xente falecida no mar na que é xa a 62ª edición do Simulacro de Naufraxio. Unha celebración única na contorna e declarada de Interese Turístico de Galicia que congregou a centos de persoas na vila.
A emotiva xornada comezou ás 11:00 horas, cun pasarrúas a cargo da banda de música Eduardo Pondal de Ponteceso e a Asociación Cultural Maruxía de Laxe.
Unha hora máis tarde, ás 12:00 h, deu comezo a tradicional misa solemne na honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, na igrexa parroquial de Santa María da Atalaia. Ao remate iniciouse a procesión ata o peirao, onde tivo lugar a representación do Naufraxio.
Trátase dun dos momentos máis emotivos e agardados do día, no que varios mariñeiros saen nunha chalana e simulan a ruta que realizan habitualmente cando rematan de pescar.
Ao chegar á metade do percorrido, van a pique e lanzan unha bengala. Alí comezan a nadar para chegar a terra, onde se dan conta de que un dos seus compañeiros está morto e volven para buscalo.
Entre todos levan o corpo inerte a terra e preséntano aos pés da virxe, quen obra o milagre de resucitalo. En memoria de toda a xente naufragada, procederon a cantar o ‘Salve Mariñeira’ para agradecerlle á súa patroa a constante protección.
A continuación, realizouse a tradicional danza de arcos e, ao remate, os barcos engalanados saíron en procesión. Xa de volta, a Virxe do Carme regresou á igrexa parroquial portada nos ombros dos mariñeiros que participaron na simulación, que fan ese camiño descalzos.
O alcalde, Francisco Charlín, mostrouse “moi emocionado e contento pola gran acollida que, un ano máis, tivo o Naufraxio” xa que é “un evento único e que forma parte da nosa historia e tradición, polo que é moi emocionante ver como a xente se entrega e forma parte deste día, mantendo máis viva ca nunca a esencia desta celebración tantos anos despois”.