11/09/2024 Laxe aproba a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles

O Concello de Laxe aprobou na sesión extraordinaria celebrada hoxe, 11 de setembro, a modificación da ordenanza fiscal número 1, reguladora do imposto sobre bens inmobles. Na actualidade, estaba en vigor unha ordenanza que non prevé, de maneira específica, ningún tipo de gravame para os bens inmobles de características especiais (BICES), correspondentes aos eólicos.  

Considerándose necesario establecer os tipos de gravame a aplicar e respectar os límites establecidos, aprobouse modificar o artigo 2 da mencionada ordenanza fiscal, que pasa a fixar o imposto sobre bens inmobles aplicable aos bens de natureza urbana no 0,5 %, aos bens de natureza rústica no 0,65 % e aos bens de características especiais pasa de aplicarse o 0,60 % ao 1,30 %. 

No devandito documento regúlanse tamén as exencións e as bonificacións correspondentes a este imposto.  

Pago de facturas de servizos 

Durante o pleno deuse luz verde ao pago de 68.008,2 euros en facturas a provedores para abonar pagos de facturas de servizos, subministros e gastos correntes.  

Desta cantidade, 65.936,13 euros corresponden a facturas relativas a gastos da prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal dos meses de xuño e xullo.  

Durante o pleno aprobáronse, ademais, dous recoñecementos extraxudiciais de crédito para facer fronte ao pago de facturas correspondentes, por unha banda, ao servizo de electricidade e gas (1.348,01 euros) e, pola outra, ao arranxo do tractor municipal (724,06 euros).  

O alcalde, Francisco Charlín, explicou que se trata “de gastos correspondentes a actuacións de exercicios pechados, polo que o recoñecemento extraxudicial de crédito é a única forma de pago posible”.

Adhesión á FEGAMP  

O pleno aprobou tamén a adhesión do Concello de Laxe  á Central de Contratación da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) co fin de poder contratar os servizos postais e telegráficos que sexan contratados pola mesma.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal