O Concello de Laxe celebra o centenario do nomeamento da súa praza principal como "Praza Ramón Juega" cun acto conmemorativo que terá lugar o vindeiro mércores, 18 de decembro, ás 17:00 horas, no Museo do Mar de Laxe. Esta homenaxe honra a figura de Ramón Juega Charlín, destacado médico indiano e alcalde de Laxe entre 1887 e 1890, quen impulsou importantes infraestruturas urbanas na vila.
Ramón Juega (Laxe, 1845 – A Coruña, 1905) desenvolveu a súa carreira médica no Departamento de Tacuarembó, na República Oriental do Uruguai, e o seu legado transcende fronteiras. A súa contribución ao desenvolvemento de Laxe fai que o seu nome permaneza vinculado ao corazón da vila desde hai un século.
Á celebración súmanse institucións destacadas como o Colexio de Médicos da Provincia da Coruña, a Real Academia de Medicina de Galicia, o Consulado Xeral do Uruguai en Galicia e outras entidades do ámbito médico en España e Uruguai.
Para esta ocasión especial, o Concello de Laxe preparou un panel informativo sobre Ramón Juega Charlín e habilitará un espazo dedicado á súa vida e obra dentro do Museo do Mar, onde serán expostas pezas relacionadas coa súa traxectoria e época, doadas polas entidades colaboradoras.
O acto
Comezará ás 17:00 horas coa charla “A vida e obra do médico indiano e alcalde de Laxe, Ramón Juega Charlín. Continuará ás 18:00 horas coa firma das actas de doazón e a inauguración do espazo dedicado a Ramón Juega no Museo do Mar. Por último, ás 18:30 horas, realizarase unha visita ao Museo do Mar e á Praza Ramón Juega.