04/08/2010 Q DE CALIDADE TURÍSTICA NA PRAIA DE LAXE ANO 2010

O Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) ven de informar que a Praia de Laxe superou con éxito a auditoría á que foi sometida o pasado venres 9 de xullo de 2010 e por tanto mantén un ano máis a bandeira de Q de calidade turística no seu areal. Tras superar esta auditoría de segundo seguimento a praia remata o ciclo de 3 auditorías que comezou no ano 2008 e o vindeiro ano deberase someter a unha nova auditoría de renovación do distintivo que durará dous días enteiros.

Coa superación desta auditoría o concello de Laxe consegue manter este distintivo durante tres anos consecutivos e mantén a súa firme vontade de presentarse o vindeiro ano a auditoría de renovación, pois o concello de Laxe considera que este distintivo ven certificar o excelente grao de prestación de servizos e contribúa a elevar o prestixio da praia entre os bañistas.

Dentro da mellora continua que supón un distintivo coma este o Concello de Laxe tivo que establecer uns obxectivos para a mellora dos servizos da praia para esta temporada de baño, como ten que facer por obriga tódolos anos. Este ano establecéronse 5 obxectivos de mellora de servizos e equipamentos:

1 Colocar unha enquisa de satisfacción da praia en formato on line dentro da Web municipal

2 Comprar dúas sinais para indicar as zonas de ocio da praia de Laxe.

3 Colocar unha Barreira Artificial nas dunas do Cabo da Area.

4 Reformar e mellorar tódolos accesos de discapacitados da praia de Laxe.

5 Construir un baño fixo na zona do Cabo da Area. (Este aínda está pendiente da súa finalización).

A praia de Laxe é a única da Costa da Morte que posúe este distintivo e unha das escasas de Galicia que o ten pois o mantemento e a consecución do mesmo é máis complexo e complicado que o da Bandeira Azul. Así mesmo o Concello de Laxe é consciente de que este distintivo veu a mellorar de forma significativa tódolos equipamentos e servizos que presta a praia de Laxe.

Xa se está a traballar nos obxectivos para o vindeiro ano para poder superar con éxito a vindeira auditoría de renovación que terá lugar en xullo de 2011.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal