02/03/2011 EDICIÓN DUN DVD DE PROMOCIÓN TURÍSTICA PARA O CONCELLO DE LAXE.

O Concello de Laxe acaba de editar un DVD de promoción turística que ven a completar o material turístico que se ofrece na Oficina Municipal de Turismo de Laxe. Este DVD está dispoñible de forma gratuíta na referida oficina.

Hai case dous anos o Concello de Laxe viu a necesidade de completar o seu xa amplo material turístico cun novo produto pero que neste caso estivese relacionado coas novas tecnoloxías. Por esta razón encargouse a realización dun DVD que ven completar a oferta de material turístico co que conta a Oficina Municipal de Información Turística de Laxe.

Este DVD que hoxe promocionamos contempla unha pequena curtametraxe de case 10 minutos de duración na que se fala a todos aqueles potenciais visitantes das bondades do noso municipio. O vídeo comeza cun amañecer e remata cunha posta de sol e durante os seus 10 minutos de duración vai describindo ós turistas o que poden atopar no noso municipio: patrimonio natural como as praias, a lagoa de Traba, os penedos de Traba, as paisaxes...; patrimonio cultural como as igrexas, o faro, os pazos, os hórreos e os cruceiros...; e fai un especial dedicatoria os desaparecidos no mar ó destacar ó final do mesmo o simulacro do naufraxio e a escultura “A Espera” que se colocou recentemente ó carón do Faro de Laxe.

Pero este DVD non só contempla esta curtametraxe senón que tamén ten un traballo fotográfico de todo o patrimonio cultural e natural laxense (fotos artísticas, fotos do simulacro do naufraxio, do surf, fotos 360º...etc.). Ademais trae información útil para o turistas: un rueiro interactivo, información sobre os establecementos de restauración e aloxamento de Laxe, o calendario das festas do concello,...etc.

Con este novo material turístico esta vez informático o Concello de Laxe ven completar a súa xa ampla oferta en material turístico en formato papel como son a Guía Turística de Laxe en galego, castelán e inglés, as rutas de senderismo en castelán e galego; os itinerarios turísticos desde Laxe pola Costa da Morte en castelán, a Guía de servizos e mailo rueiro de Laxe, a ruta dos miradoiros en galego e castelán, o póster, e o salvamantel que se regala os establecementos de hostalería de Laxe.

Convertémonos así nun dos concellos da Costa da Morte que máis oferta propia dispoñible posúe en material turístico para os turistas e veciños do noso concello.

A curtametraxe e parte do material fotográfico está colgado na Web municipal, na sección de turismo.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal