19/08/2022 A Consellería de Educación iniciou as obras de asfaltado no acceso ao CEIP Cabo de Area de Laxe así como a mellora de varios portais

Esta semana a Consellería de Cultura, Educación e Universidade  da Xunta de Galicia comezou os traballos de mellora e acondicionamento no acceso ao CEIP Cabo de Area de Laxe, que inclúen intervencións tanto no firme como en varios portais do recinto. Prevese que as obras estean rematadas de cara ao inicio do vindeiro curso.

A actuación de máis calibre é a que contempla o asfaltado dunha nova plataforma para autobuses, unha antiga demanda da comunidade educativa para mellorar e incrementar a seguridade do alumnado. O orzamento ascende a 25.773,97 euros.

Por outra banda, tamén se están acometendo unha ampliación do portal de acceso ao colexio para os vehículos de transporte escolar así como pequenas actuacións de mantemento en varios portais do recinto por un importe de 9.928,50 euros.

Desde o goberno local agradecen a boa disposición da Consellería de Educación por facilitar os medios de cara a “mellorar a seguridade de todos os usuarios do centro, en especial dos rapaces e rapazas, e poder seguir ofrecendo servizos de calidade”.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal