09/11/2022 Romeiría Aldeán, o proxecto de dinamización lingüística de Laxe co poeta Antón Zapata como protagonista


A Escola Municipal de Música de Laxe retomou no mes de outubro o curso escolar con case 60 usuarios e usuarias. En funcionamento desde o ano 2004, desde a Escola pretenden facilitar a aprendizaxe musical aos veciños e veciñas do concello desde os 5 anos, e sen establecer un límite de idade máxima, coa intención de fomentar a creación e a demanda cultural musical entre a veciñanza laxense, contribuíndo así ao enriquecemento da vida cultural de toda o municipio.

Como mostra da labor de apoio á creación cultural creouse ‘Romeiría Aldeán’, un proxecto de normalización lingüística coordinado entre o profesor da Escola Municipal de Música, Víctor M. García Pose, e a Concellaría de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura xunto co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.

Esta peza audiovisual nace a partir da musicalización, por parte de Víctor M. García Pose, do poema ‘Romeiría Aldeán’* do noso recoñecido poeta Antón Zapata García. Este traballo compleméntase con imaxes actuáis da nosa vila pero tamén históricas grazas ao arquivo fotográfico J.A. Vidal.

Moitas grazas a todas as persoas que se implicaron neste proxecto, en especial a: Víctor M., Anxo Souto, Eduardo Cundíns, Miguel Cabana, Manolo J. Dourado Martínez, Noé Vigo, Breogán e Nuno Tirado, Mario Mira, Mirco Simal, Blanca Charlín, Vera Devesa, Aroa Rey, Carmen Toja e Basilio Bello. Grazas tamén á ‘Escola de A Rúa’ de Carballo.

* O texto de Zapata atópase nas páxinas 73 e 74 da reedición do poemario ‘A Roseira da Soidade’ realizada polo Concello de Laxe e a editorial Edición Xerais de Galicia no ano 2004.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal