04/01/2023 Laxe recibirá os Reis Magos de Oriente con animación, obradoiros, roscón e chocolate de balde


O Concello de Laxe ultima os preparativos para recibir, este xoves, os Reis Magos de Oriente que percorrerán todas as parroquias do municipio desde as 15:00 horas, con saída desde a Casa do Concello.

A chegada das Súas Maxestades ao polideportivo municipal de Laxe está programada para as 20:00 horas, onde serán recibidas con fogos de artificio, pero antes visitarán os lugares de Serantes (por Canle), Soesto, Matío, Cuíña, Boaño, Tras do Río, Mórdomo, Socasas, Foxiños, Cabanela, Carballal, Aprazadoiro, Coens, A Torre (A Camposa), Carrabete, Milleiras, Peñascales, a avenida Cesáreo Pondal e a praza de Ramón Juega antes dun último percorrido pola vila mariñeira que culminará coa recepción real. Ademais, a partir das 20:00 horas as persoas asistentes poderán gozar de roscón de Reis e chocolate de balde.

Por outra banda, o polideportivo acollerá unha festa desde as 18:00 horas con inchábeis, animación, karaoke e obradoiros, entre outros.

Desde o Concello agardan que tanto a veciñanza como as persoas que se acheguen estes días a Laxe “desfruten dunha cabalgata pensada para todos os públicos e onde a maxia e os sorrisos serán os protagonistas”.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal