18/01/2023 O Concello pon en marcha a IV edición do certame literario ‘Dillo ben bonito. O amor prémiase en Laxe’


Co catalogado como ‘mes do amor’ ás portas, desde a Concellaría de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura do Concello de Laxe volver organizar, un ano máis, a iniciativa ‘Dillo ben bonito. O amor prémiase en Laxe’ co obxectivo de promover a creación literaria a través de dedicatorias de amor tanto en verso como en prosa. Neste caso celebrarase a IV edición dun concurso que se iniciou no 2020 e que cada ano conta con máis e mellor acollida entre a veciñanza e demais público participante.

Poderán participar no certame todas as persoas de 18 anos ou máis con independencia de se residen ou non no municipio laxense. Só se aceptará unha única obra por concursante que tratará sobre o amor en parella, ben sexa real ou platónico.

A dedicatoria, que deberá conter entre 30 e 300 palabras, presentarase en formato A4 cun título ao principio e final da mesma. Ademais, irá firmada polo pseudónimo do autor/a que poderá elixir libremente e que se compartirá nas redes sociais do Concello de Laxe.

O texto que se presente estará redactado, preferiblemente, en galego e será inédito e orixinal. Tampouco se poderán presentar dedicatorias que teñan algún compromiso cunha editorial ou similar. Nestes casos, o Concello establecerá un primeiro filtrado para evitar plaxios.

O prazo para participar no IV certame de dedicatorias de amor comeza este mércores 18, ás 15:00 horas, e rematará o 8 de febrero ás 23:59 horas. Os traballos poderán entregarse a través de tres modalidades: telemática (na sede electrónica municipal), por correo postal ou de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello en horario de 09:00 a 14:00 horas de luns a venres. En todos os casos a persoa participante deberá achegar unha instancia de solicitude xeral e unha copia ou orixinal dun documento de identificación válido.


VOTACIÓNS E RESOLUCIÓN DO CERTAME

Toda aquela persoa que desexe votar polo texto más fermoso ou emotivo poderá facelo a través da páxina de Facebook municipal (reaccionando cun ‘gústame’ ou ‘encántame’ na obra elixida) ou do servizo de mensaxería NovasLaxe (especificando nunha mensaxe o texto “VOTO A DEDICATORIA: título completo”).

Serán contabilizados todos os votos emitidos desde o venres, 10 de febrero, ás 11:00 horas, cando sairán publicadas nas redes sociais do Concello as obras finais. As votacións concluirán o luns, 13 de febreiro, á mesma hora.

As dedicatorias gañadoras anunciaranse ao día seguinte, martes 14, na páxina web e redes sociais municipais. En total repartiranse 8 premios que consistirán nunha noite de aloxamento e almorzo para dúas persoas nos seguintes establecementos da localidade:

- Cabanas na área
- Hotel ‘O náutico de Laxe’
- Hotel rústico da Torre
- Casa rural de Arrueiro
- Hotel Praia de Laxe
- Hotel Mar de Laxe
- Apartamento turístico ‘Os Batáns’
- Hospedaxe residencia Bahía

Os premios poderán desfrutarse ata o 31 de outubro do ano vixente exceptuando certos meses de temporada alta, peche ou descanso.

Consulta as bases na seguinte ligazón.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal