O Concello de Laxe conta xa con dúas novas sendas executadas ao longo da estrada AC - 433 ao seu paso polos núcleos de Serantes e Soesto.
O alcalde, José Luis Pérez Añón, recibiu esta mañá á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, en Serantes para comprobar o resultado duns traballos dos que a veciñanza xa está a facer emprego.
A actuación, valorada en 335.000 euros e financiada polo ente autonómico, supuxo en Soesto a execución dun itinerario de 558,8 metros de lonxitude que conecta os lugares de Arrueiro e Castrelo pola marxe esquerda da vía. Dita senda, moi transitada para o acceso á praia de Soesto, é de emprego compartido para peóns e ciclistas non deportivos.
Pola súa parte, a senda de Serantes transcorre ao longo de 720 metros de lonxitude pola marxe dereita da antiga traza da estrada AC – 433, entre os
núcleos de Conlle e O Piñeiro.
Ambas, executadas en formigón de cor terriza natural e bordo de formigón, están integradas na contorna e inclúen actuacións complementarias como melloras na recollida de pluviais, a creación de muros de formigón e o retranqueo de postes de telecomunicacións e electricidade.