05/07/2023 Conformado o novo equipo de goberno en Laxe para os vindeiros catro anos

[ACTUALIZACIÓN xoves, 27 de xullo de 2023:

A edil Raquel Lema Allo é substituída no cargo de segunda tenenta de alcalde polo concelleiro Daniel Mata Martínez.
Por outra banda, a concelleira Sandra Mouzo Pose entra como terceira tenenta de alcalde.]
_____

Na tarde de onte, martes 4 de xullo, tivo lugar un pleno extraordinario no que quedou conformado o novo equipo de goberno para os próximos catro anos. A maiores, aprobáronse unha dedicación exclusiva e outra parcial.O rexedor, José Luis Perez Añón, asumirá a Alcaldía.

O primeiro tenente de alcalde, Francisco Charlín Oróns, será o encargado das áreas de Deporte e Pesca mentres que Raquel Lema Allo, segunda tenenta de alcalde, asumirá Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura. A concellaría de Servizos Sociais, Emprego e Igualdade estará a cargo de Sandra Mouzo Pose; as áreas de Xuventude, Festas e Medio Ambiente serán asumidas por Daniel Mata Martínez e Eulogio Constantino Castiñeira ocuparase de Persoal, Obras, Servizos e Praias.

Durante a sesión tamén se aprobou unha dedicación exclusiva para o edil Eulogio Constantino, pola que percibirá un total de 32.000,08 euros anuais brutos; e unha parcial para Raquel Lema, concelleira delegada de Comercio, Hostalería, Turismo e Cultura. Neste caso, o traballo da edil será retribuído cun salario de 16.000,04 euros anuais brutos.

No pleno tamén saíu adiante o réxime de indemnizacións por asistencias aos órganos colexiados que non teñan atribuída dedicación parcial ou exclusiva. Serán 50 euros por asistencia ás sesións plenarias, 50 por asistencia ás sesións da Comisión Informativa de Asuntos Xerais e da Comisión Especial de Contas e 100 euros por asistencia ás Xuntas de Goberno.

Doutra banda, fixáronse as periodicidades das sesións do Pleno e da Xunta de Goberno Local. As sesións ordinarias do Pleno celebraranse con carácter bimestral o último xoves de cada mes impar, as 20:00 horas, ao igual que se viñeron celebrando os últimos catro anos. Todas terán lugar no Salón de Plenos do Casa do Concello. Mentres, a Xunta de Goberno Local reunirase cada 15 días, no día e hora que estableza por Decreto a Alcaldía.


VOTACIÓNS
No pleno, o reparto de dedicacións contou cos votos a favor do PP. No caso da dedicación parcial, o BNG e o PSOE votaron en contra mentres que Podemos Laxe se abstivo. En canto á dedicación exclusiva, todos os grupos da oposición votaron en contra.A creación da Xunta de Goberno tamén contou co apoio do PP, mentres que BNG, PSOE e Podemos Laxe votaron en contra.

Por outra banda, a aprobación das indemnización e asistencias dos membros da corporación só obtivo os votos a favor do Partido Popular. O resto abstivéronse.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal