10/11/2023 Pérez Añón aborda co conselleiro de Mar posibles melloras para o Porto de Laxe

O alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón, recibiu esta mañá a Alfonso Villares, conselleiro de Mar, no porto de Laxe, para realizar unha visita á Cofradía de Pescadores e ao peirao laxense.

Participaron tamén o concelleiro de Deportes e Pesca, Francisco Charlín e o Patrón Maior da Cofradía de Pescadores, Luis Suena.

Durante o encontro trataron distintos temas de interese para a Cofradía, así como distintos investimentos futuros para mellorar as infraestruturas e a contorna, para facilitar o traballo das entidades e dos mariñeiros que faenan a diario alí.

O Patrón Maior estivo explicándolle ao Conselleiro as necesidades da entidade e trasladoulle unha serie de propostas para realizar melloras nas instalacións.

O alcalde mostrou o seu “agradecemento pola visita e pola súa boa predisposición á hora de estudar unha serie de investimentos para mellorar o Concello de Laxe”.

Pola súa banda, Villares “amosou o compromiso da Consellería á hora de mellorar as infraestruturas do porto de Laxe, realizando os labores de mantemento correspondentes e renovando as instalacións, facilitando o traballo dos pescadores no seu día a día”.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal