10/11/2023 Os Concellos de Laxe e Vimianzo presentan alegacións ao borrador do Plan de Xestión da Paisaxe Protexida dos Penedos

Os Concellos de Laxe e Vimianzo presentaron formalmente as alegacións ao borrador do Plan de Xestión da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.

Esta semana reuníronse a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón, e os técnicos de Deportes de Vimianzo e Turismo de Laxe, Víctor Santos e María José Mato respectivamente.

Entre outras peticións, recóllese que se teña en conta o esforzo económico que supón para Concellos tan pequenos como o de Laxe e o de Vimianzo manter un espazo con tanto alcance e tanta potencialidade como este.

Vese imprescindible que a redacción do documento contemple uns criterios claros relativos á xestión do perímetro deste espazo, que axudaría a garantir o cumprimento dos obxectivos ambientais da protección oficial. Ademais, estes bens están situados en parcelas con distintas titularidades, cuestión que dificulta unha xestión áxil, así como un óptimo mantemento e roza.

A organización e delimitación das plantacións debería quedar expresamente identificada, de tal xeito que se documente o seu estado actual e se garanta a contemplación dos Penedos a futuro, o que implica que deberá constar unha delimitación dos perímetros mínimos de distancia entre as masas arbóreas e de vexetación, e as formacións rochosas.

O documento non menciona o réxime de uso nin as consideracións de xestión das parcelas que están en estado de abandono ou descoido por parte das persoas propietarias. É necesario que se contemplen especificamente as consecuencias desta casuística, porque para que o Plan sexa eficiente, debe fomentar  decididamente o uso recreativo e divulgativo do lugar, tendo en conta todas as súas particularidades coas súas solucións.

Tampouco se contempla a ampliación do catálogo; enumérase unha serie de Penedos, identificados como os máis recoñecibles e con nome propio, pero tendo en conta a desorganización actual da vexetación e da masa arbórea, está limitado o acceso e a localización de máis formacións, aínda con constancia de que si existen.

Existen varias vías de acceso á Paisaxe e non están todas sinalizadas. Desde o punto de vista do Concello de Vimianzo e do Concello de Laxe, é preferible a sinalización e o sentido do tránsito a través de dúas únicas vías de acceso: as que xa serven de conexión dos lugares de Pasarela e Traba, e conflúen no aparcamento do Brañal. 


Consideramos, con todo, que a temporalidade das tres fases de actuación debe reducirse para que o Plan de xestión permita, dalgún xeito, compensar o tempo transcorrido desde a declaración oficial da figura de protección da Paisaxe Protexida ata a aprobación definitiva deste documento. O ideal sería que a primeira fase de actuación se realice antes dos 2 anos, a segunda nun período de 2 a 4 anos e a terceira, nun período de 4 a 6 anos.

Non se fundamente nin se xustifica a asignación das entidades responsables, nin das posibles fontes de financiamento. Considérase que a ambigüidade relativa ás responsabilidades e financiamento é especialmente preocupante para garantir a correcta xestión deste espazo. 

Engadido a isto, pídese que se modifique a redacción e se dote de medios propios da Xunta de Galicia para financiar e coordinar as tarefas de limpeza e mantemento das infraestruturas de uso público da Paisaxe, garantindo así o acceso ao espazo durante todo o ano. Nin se especifican os custes de homologación da ruta de sendeirismo, asunto que o Concello de Vimianzo leva perseguindo desde que se deseñou o trazado.

Deben incluírse tamén actuacións para mellorar o tránsito tanto de subida pola zona sur da Forcada, como nas inmediacións do penedo multiforme na zona da Cachucha. 

Consideramos insuficiente, tamén, tanto a prioridade como o custe estimado para a actuación relativa á creación de novo material divulgativo, visto que é un dos obxectivos do Plan fomentar o coñecemento deste espazo e respectar os seus valores naturais.

Debe responsabilizarse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural tanto da execución como do seu financiamento á área destinada a aparcadoiro na zona do cruce do Brañal, posto que se destinará ás persoas usuarias desta Paisaxe. 

Adicionalmente, tamén se pide que se recolla na redacción que o 13 de xuño de 2021 houbo un incendio na Paisaxe; identificar a fonte de financiamento do mantemento e mellora do firme do viario de acceso oriental; ter presente a cartografía histórica, engadindo mapas e planos, entre os cales se atopan os elaborados polo ilustre xeólogo local Isidro Parga Pondal; que se teña en conta o documento que menciona a prohibición do uso da imaxe da Paisaxe Protexida con fins comerciais, de marca ou accións de identidade e que se modifique a redacción onde se indica que os paneis informativos instalados na Paisaxe están suxeito ao chan con zapa de formigón, xa que en realidade están suxeitos a presión, minimizando así os riscos de impacto sobre o medio. 

Desde os Concellos de Vimianzo e Laxe estimamos que o Plan de Xestión dos Penedos de Pasarela e Traba é un documento esencial para administracións públicas, visitantes, veciñanza, propietarios e organización; é a folla de ruta esencial que permitirá conservar o conxunto íntegro para as xeracións futuras e precisamente esa garantía a futuro é a que nos impulsa a presentar as alegacións que contén o documento presentado pola Administración local.


Portal cidadán de Laxe © by Abertal