A Xunta de Galicia presentou hoxe nunha visita aos Penedos de Pasarela e Traba o seu Plan de Xestión, o primeiro que se aproba en Galicia para garantir a protección e conservación dunha paisaxe protexida.
O presidente autonómico, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, fixeron un percorrido pola zona acompañados do alcalde de Laxe, Francisco Charlín, e a rexedora de Vimianzo, Mónica Rodríguez.
Trátase dun espazo natural único pola singularidade e valor, pola riqueza da súa biodiversidade e pola súa situación xeográfica.
O Plan de xestión, que saíu publicado no día de hoxe no Diario Oficial de Galicia e que entrará en vigor en 20 días, busca definir os principais valores da zona e regular os usos e actividades que se poden realizar neste espazo natural.
Durante a visita, Charlín quixo destacar “a singularidade da paisaxe, de gran valor, que merece ser coidada e promovida garantindo a súa conservación. Estou seguro de que este plan marcará a ruta a seguir para traballar de maneira conxunta na mesma liña”.