08/08/2022 Laxe despediuse do IX Mercado Pirata cunha gran afluencia de público

Este domingo Laxe puxo punto e final a tres días de festa coa celebración do IX Mercado Pirata, que se desenvolveu na vila desde o venres pola tarde. Eventos ‘Los Templarios’, en colaboración co Concello, foi o encargado de organizar unha programación dinámica e diversa que congregou a centos de persoas.

Durante tres xornadas a praza dos Voluntarios da vila laxense retrocedeu no tempo grazas a unha espectacular recreación histórica onde a música e a gastronomía foron as auténticas protagonistas. Postos de alimentación e artesanía, carrusel ecolóxico e moita animación cultural lograron que tanto a veciñanza de Laxe como as persoas visitantes gozaran dun evento único na Costa da Morte.

O mercado abriu o venres, de 19 a 23 horas, e o sábado e domingo de 11 a 14:30 horas e de 18 a 23 horas. Ademais, cada xornada pechouse cun espectáculo de lume ás 22:30 horas.

Desde o goberno local móstranse moi satisfeitos co resultado obtido e felicitan a todo o equipo organizador polo seu traballo. “Unha vez máis demóstrase que o Mercado Pirata é algo moi especial, moi noso, e ogallá que poidamos seguir desfrutando desta cita durante moitos anos máis”.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal