29/08/2022 O Concello entregou este sábado os premios ás persoas gañadoras do 16º certame poético Antón Zapata

A praia dos Cristais de Laxe acolleu este sábado, a partir das 20:30 horas, a entrega de premios da 16ª edición do certame de poesía Antón Zapata dentro do Solpor Poético 2022.

Nesta edición houbo unha persoa gañadora dentro de cada unha das tres modalidades nas que se podía participar:  

Infantil. ‘Fermoso lugar’, de Sofía Souto Pose (Cabana de Bergantiños).
Xuvenil. ‘O mar’, de Noé Souto Pose (Cabana de Bergantiños).
Adulta. ‘A mirada perdida’, de Fernando Pintos Recarey (Santa Comba).

En total repartíronse tres premios de 100 euros en material de lectura e escritura a cada unha das persoas gañadoras ademais dun diploma e un agasallo institucional.

Entre os requisitos solicitábase que o texto presentado fora orixinal, inédito e non premiado, cunha extensión de entre 20 e 150 versos. A temática era libre e o poema tiña que estar titulado e asinado cun pseudónimo e escrito en galego, preferiblemente.

O xurado estivo formado por tres persoas traballadoras do Concello vinculadas ao departamento de Cultura.

Este ano, e de xeito excepcional, durante o evento tamén se concederon os premios da edición correspondente ao ano 2021 ao cancelarse o Solpor Poético debido á pandemia da Covid-19.

Nesta ocasión foron dúas as persoas galardoadas. Na categoría infantil o premio foi para Grecia Helena Neira Varela (Ponteceso) e a súa obra ‘Plougastel’; mentres que na adulta Fernando Pintos Recarey (vencedor desta edición) logrou o primeiro posto con ‘San. Salva. Salvaxe’. A categoría xuvenil quedara deserta.

Solpor Poético

A entrega de premios celebrouse, un ano máis, dentro do Solpor Poético: unha programación cultural organizada polo Concello onde se misturan as artes e a natureza. O toque musical estivo a cargo de Iria Estévez e Gonzalo Piña cos seus ‘Camiños do fado’, un proxecto centrado na lusofonía (fado, cantiga galega ou morna) pero relacionado con música do Brasil, Cuba ou México.

Desde o Concello móstranse “moi satisfeitos” coa boa acollida do certame deste ano, agardando que “os gañadores e gañadoras se animen a participar en vindeiras edicións e desexando, ademais, que esta iniciativa continúe durante moitos anos máis para seguir promovendo a cultura e visibilizando a figura de Antón Zapata”.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal