30/08/2022 Laxe despediu este martes os ‘PequeCampamentos’ poñendo fin a todas as propostas deportivas deste verán

Laxe clausurou este martes a cuarta e última quenda dos ‘PequeCampamentos’ de verán organizados por D’Troula en colaboración co Concello. Esta proposta formou parte dun conxunto de propostas de conciliación durante a época estival, ofrecendo ás persoas usuarias diversas actividades culturais, deportivas e relacionadas co coidado do medio ambiente.

Nesta edición participaron un total de 18 nenos e nenas, aínda que nas tres anteriores a cifra foi máis alta: 35 persoas na primeira rolda, 53 na segunda e 32 na terceira.

Estes números reflicten a boa acollida que tiveron os campamentos deportivos realizados en Laxe, tanto os organizados para os máis cativos e cativas como en xeral, posto que do 27 de xuño ao 10 de agosto máis de 150 persoas interviron na programación deportiva posta en marcha polo Concello.

Desde o goberno local móstranse moi contentos co número de participantes deste ano destacando “a boa conduta de todos os pequenos e pequenas que, sen dúbida, son exemplo para todos nós de compañeirismo e inclusividade”.

Por outra banda, D’Troula, entidade organizadora, sinala que as sensacións foron “moi boas en todas as edicións e en todos os aspectos” destacando, ademais, que “todos os rapaces e rapazas xa nos piden repetir porque o pasaron en grande”.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal