13/10/2022 Laxe súmase a un proxecto de reciclaxe doméstica no rural a través do reparto gratuíto de 50 composteiros


O Concello de Laxe promove a reciclaxe a través dun programa de compostaxe doméstica cuxo orzamento ascende a 9.135,50 euros. Nesta iniciativa participa tamén a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A empresa adxudicataria do ‘Proxecto de actuación en materia de Biorresiduos de competencia municipal – Compostaxe 2022’ é Sihaho Consulting -Abertal Networks SL e conta cun prazo de execución de 2 meses.

Nesta iniciativa, na que se distribuirán 50 composteiros, é moi importante a participación da veciñanza. As persoas que desexen participar no proxecto deben residir nunha vivenda illada e cunha parcela de, polo menos, 50 metros cadrados.

Os composteiros, de 400 litros de capacidade cada un, poderán solicitarse de xeito gratuíto a través da páxina web do Concello (cubrindo este formulario), escaneando o código QR que se atopa impreso nos carteis promocionais do proxecto ou chamando ao 618 004 110.

As persoas que vexan aprobada a súa solicitude recibirán un kit que inclúe un composteiro, un aireador, un manual de instrucións e unha reixa antirroedores. Por outra banda, recibirán asesoramento do persoal da empresa adxudicataria así como unha visita para resolver máis dúbidas.


Que é a compostaxe doméstica?

É un proceso que consiste na reciclaxe de material orgánico para convertelo en abono natural de cara á súa utilización en xardíns, hortas ou campos de cultivo.

Esta forma de compostaxe ten unha dobre finalidade: obter un fertilizante máis económico e xerar menos residuos sólidos urbanos nos colectores.

Desde o Concello agardan que a veciñanza de Laxe se sume a un proxecto “moi beneficioso para todos e todas” e que ademais permite “traballar cun material menos artificial e que de seguro repercutirá de xeito positivo nos seus produtos”.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal