Este venres, desde as 17:00 horas, o Concello de Laxe acolleu a presentación do resultado final do proxecto de restauración dunha embarcación de baixura situada nun dos accesos á vila mariñeira.
Este barco, de 18 metros de eslora, foi acondicionado dentro da iniciativa da posta en valor e musealización da carpintería de ribeira no municipio. O orzamento total das intervencións ascendeu a 18.131,85 euros, sendo o 85% financiado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte.
No plan de actuacións contemplouse a recuperación da estrutura de madeira deixando á vista as cuadernas, quilla, a roda e o codaste, ademais de tratar a madeira e suxeitar os barraganetes existentes. Tamén se procedeu á colocación duns paneis informativos na contorna da nave que conteñen material do arquivo fotográfico Vidal, o cal reflicte a historia do oficio e das embarcacións tradicionais co fin de poñer en valor o patrimonio cultural da zona.
Ao acto acudiron membros da corporación municipal e da confraría de pescadores; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.
O Concello agradece o apoio de entidades como o GALP Costa da Morte a Xunta de Galicia por ‘facilitar os procedementos de mellora e renovación de estruturas que para nós, como pobo mariñeiro, son un sinal de identidade’.
<< | < | Maio de 2024 | > | >> | ||
---|---|---|---|---|---|---|
L | Ma | Mé | X | V | S | D |
1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 | 20 | 21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 | 27 | 28 | 29 | 30 | 31 |