11/11/2022 Laxe, elixido pola Xunta para presentar o simulacro do Plan CAMGAL


Na mañá deste venres o porto de Laxe acolleu un simulacro marítimo para mostrar o funcionamento e coordinación de medios do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL), un instrumento que permite á Xunta de Galicia poñer en marcha un protocolo de actuación ante hipotéticos episodios de contaminación mariña accidental.

Ao acto acudiron o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana; quen foron recibidos polo alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón.

O público asistente puido coñecer os procesos e mecanismos dos que dispoñemos en Galicia para intentar que, no caso de que se produza un accidente marítimo, se poida actuar con máis rapidez e eficiencia de cara a evitar graves problemas ambientais nas costas galegas. En concreto, no exercicio de hoxe traballouse cunha hipotética colisión dun pesqueiro cun buque químico que se dirixía á Coruña, a 15 millas da vila de Laxe, e tras a cal se producía unha perda de combustible.

No porto de Laxe dispuxéronse diversos elementos de actuación como barreiras de arrastre para a limpeza do hidrocarburo flotante así como de contención para desviar unha posible mancha de carburante e evitar, deste xeito, unha posible entrada na zona portuaria.

Tamén se mostrou como se activaría a colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias para facilitar os traballos de coordinación e o modo no que se usarían os medios aéreos tecnolóxicos, como os drons, para facer un seguimento do suceso dende o aire.

Desde o Concello agradecen que a Xunta de Galicia e a Consellería do Mar elixiran Laxe para este simulacro xa que “somos un pobo mariñeiro e, como tal, podemos correr o risco de sufrir un accidente de contaminación polo que cremos necesario saber como actuar pero, sobre todo, coñecer de que medios dispoñemo, a nivel local e autonómico, para evitar catástrofes ambientais”.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal