14/02/2023 Laxe conta xa con dúas sendas peonís de 1,3 quilómetros nas parroquias de Serantes e Soesto

Laxe conta xa con dúas sendas peonís de 1,3 quilómetros nas parroquias de Serantes e Soesto

O Concello de Laxe conta xa con dúas novas sendas executadas ao longo da estrada AC - 433 ao seu paso polos núcleos de Serantes e Soesto.

O alcalde, José Luis Pérez Añón, recibiu esta mañá á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, en Serantes para comprobar o resultado duns traballos dos que a veciñanza xa está a facer emprego.

A actuación, valorada en 335.000 euros e financiada polo ente autonómico, supuxo en Soesto a execución dun itinerario de 558,8 metros de lonxitude que conecta os lugares de Arrueiro e Castrelo pola marxe esquerda da vía. Dita senda, moi transitada para o acceso á praia de Soesto, é de emprego compartido para peóns e ciclistas non deportivos.

Pola súa parte, a senda de Serantes transcorre ao longo de 720 metros de lonxitude pola marxe dereita da antiga traza da estrada AC – 433, entre os
núcleos de Conlle e O Piñeiro.

Ambas, executadas en formigón de cor terriza natural e bordo de formigón, están integradas na contorna e inclúen actuacións complementarias como melloras na recollida de pluviais, a creación de muros de formigón e o retranqueo de postes de telecomunicacións e electricidade.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal