O Concello de Laxe e a asociación Parroquias de Laxe presentaron hoxe o cartel e a programación para esta Semana Santa, unha das máis importantes da comarca.
As actividades darán comezo este venres, 22 de marzo, ás 19:30 horas coa misa solemne na honra á Virgen de los Dolores. O día 24, Domingo de Ramos, terá lugar, ás 12:30 horas, a bendición dos Ramos na Praza.
O xoves Santo, día 28 de marzo, ás 19:00 horas celebrarase a santa misa da institución da Eucaristía, co lavadoiro de pés, o sermón do mandato, a comuñón xeral e procesión ao Monumento. De maneira seguida, dará comezo a Procesión do Nazareno e a Virgen Dolorosa. Ás 23:30 horas comezará a adoración nocturna.
O venres Santo, 29 de marzo, será o gran día, dando comezo ás 06:00 horas co canto á Paixón en Verso. Continuará ás 11:00 horas coa Procesión e Predicación do Encontro do Señor coa Virxe, na rúa da amargura. Ás 18:00 horas será o oficio da Paixón e Morte do Señor. Por último, ás 23:00 horas, dará comezo a procesión do Santo Enterro e Rosario da Boa Morte.
O sábado, día 30, terá lugar a procesión e cántico na honra do Cirio Pascual e o domingo, 31 de marzo, pecharase a semana coa procesión co Santísimo Sacramento ás 12:30 horas e a Misa Solemne do domingo de Pascua de Resurrección.
O alcalde de Laxe, Francisco Charlín, destacou que se trata dunha semana “de gran valor histórico e sentimental para todos os veciños e veciñas, que cada ano mostra o seu interese e a súa paixón por seguir facendo que a Semana Santa de Laxe non deixe de medrar”.
Ademais, o rexedor animou á xente a acudir “e gozar dunha celebración que vai moito máis aló dunha cuestión relixiosa, é parte da nosa cultura e tradición, por iso temos que seguir poñéndoa en valor”.