O Concello de Laxe presentou na xornada de hoxe o programa das escolas deportivas para este curso 2024/2025, que se desenvolverá desde o vindeiro 1 de outubro ata o 31 de maio de 2025.
As inscricións poderán realizarse desde o vindeiro luns, 23 de setembro, ata o seguinte, día 30, no departamento de Deportes, en horario de 10:00 a 13:00 horas.
As actividades programadas para as escolas deportivas son predeporte, multideporte, fútbol sala, taekwondo (I e II), patinaxe (I, II e III), iniciación ao adestramento de forza e deportes de raqueta, que inclúen bádminton e pádel.
No que respecta ás actividades de adultos, ofrecerase bádminton, pilates, ximnasia terapéutica, adestramento hiit e zumba.
Todas as actividades programadas polo Concello teñen límite de prazas e aquelas que non superen as 10 persoas inscritas serán suprimidas ou substituídas por outras modalidades.
Ximnasio municipal
Ademais das actividades programadas, o ximnasio municipal estará en funcionamento nos seguintes horarios: os luns e mércores de 10:00 a 12:30 e de 16:30 a 21:30 horas; os martes e xoves de 10:00 a 12:30 e de 16:00 a 22:00 horas; e os venres de 16:30 a 20:30 horas.
As instalacións están destinadas a persoas nadas no 2009 e anteriores.