O tenente de alcalde de Laxe, Francisco Charlín Oróns, recibiu este mércores ao delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e ao xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Indalecio Cabana, para comprobar o resultado dunhas obras de mellora realizadas pola Xunta no CPI Cabo de Area de Laxe.
No centro leváronse a cabo importantes intervencións a través dun investimento de máis de 420.000 euros. Destacan a substitución de fiestras no edificio de Primaria, SATE, canlóns e baixantes, pintado da estrutura metálica e substitución de vidros rotos no lucernario.
No plan de actuación tamén se procedeu ao asfaltado dunha nova plataforma para autobuses, unha antiga demanda da comunidade educativa para mellorar e incrementar a seguridade do alumnado, así como pequenas obras de mantemento en varios portais do recinto. Neste caso o orzamento alcanzou os 35.000 euros.
Desde o goberno local agradecen a axuda da Consellería de Educación xa que “todas estas intervencións, tanto as de maior calibre como as máis pequenas, permiten aumentar a seguridade de todas as persoas usuarias do centro mellorando a calidade do servizo prestado”.
Ademais, desde o Concello convidan a todos os pais e nais da rapazada que acude ao colexio a que “utilicen o transporte escolar na medida do posible”.