A Casa do Concello de Laxe acolleu unha xuntanza entre representantes do Concello, encabezada pola concelleira de Turismo e Cultura, Raquel Lema, e da parroquia de Santa María da Atalaia, encabezada polo padre Juan, co fin de ir preparando os actos da Semana Santa deste ano.
Nesta reunión acordouse levar a cabo unha serie de accións para recuperar e revitalizar as tradicións relacionadas con esta festividade no municipio. Neste sentido, crearase unha confraría para xestionar todo o relacionado cos propios actos relixiosos (procesións, vestimentas ou a decoración de certas rúas), recuperaranse tradicións como a celebración do desencravo no adro da igrexa, poñerase en marcha unha investigación sobre a Semana Santa de Laxe para descubrir a súa orixe e poñer data aos versos da Paixón ou do Rosario da Boa Morte e, por último, divulgar a programación deste 2023.
Desde o Concello sinalan que “somos conscientes, ao igual que na propia parroquia, da importancia que ten a celebración da Semana Santa para o municipio” e por iso queren dar un paso adiante para promover “parte da cultura relixiosa do concello e, ao mesmo tempo, afianzar un turismo relacionado coa mesma e tamén máis respectuoso coa contorna”.
A edil de Cultura, Raquel Lema, tamén destaca que, tras os datos que se recompilen sobre a historia e tradicións desta festividade en Laxe, sumados á afluencia de visitantes á vila, desde o Concello “traballarase para que a Semana Santa de Laxe, así como o rosario da Boa Morte, sexan declarados de Interese Turístico de Galicia”.