O Concello de Laxe ven de publicar as bases da Campaña de Nadal do Comercio de Laxe 2023/2024, que ten como obxectivo promover a activación económica e propiciar o fortalecemento do sector comercial municipal durante estas datas, estimulando a demanda a través do consumo en empresas locais.
Esta iniciativa tamén pretende motivar aos comercios locais para que se unan entre eles e creen sinerxias de dinamización entre os establecementos de proximidade.
A dinámica deste sorteo consiste no sorteo de tres premios económicos, cun orzamento total de 500 euros, obtendo así un premio de 250 euros, outro de 150 euros e un último agasallo de 100 euros para trocar nos establecementos adheridos á rede comercial do municipio.
Todos aqueles comercios que desexen adherirse a esta campaña poden facelo a través do formulario dispoñible no documento abaixo adxunto ou nas dependencias municipais.
O prazo para presentar as solicitudes remata o martes, 19 de decembro, ás 14:30 horas.
Cada un dos establecementos participantes terá exposto ao público unha caixa na que as persoas consumidoras poderán depositar os tickets ou facturas das compras que realicen no propio comercio desde o 21 de decembro ata o 13 de xaneiro, por un importe igual ou maior a 20 euros, incluíndo o nome e os apelidos, o DNI e o teléfono de contacto.
O día 15 de xaneiro, ás 14 horas, farase un sorteo público, de xeito manual, no Salón de Plenos da Casa do Concello de Laxe, onde se extraerán os tres tickets premiados do sorteo.
O resultado do sorteo será publicado na páxina web do Concello e nas redes sociais oficiais municipais.