22/07/2024 O Concello convoca a 18ª edición do certame de poesía Antón Zapata García

O Concello de Laxe, a través da área de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura, convoca a décimo oitava edición do certame de poesía Antón Zapata García. O obxectivo é promover a creación literaria entre a veciñanza e achegar á mesma a figura deste poeta laxense.  

No concurso poderá participar calquera persoa que así o desexe, podendo presentar un máximo de dous poemas na categoría que corresponda, que son tres: infantil (ata os 11 anos), xuvenil (dos 12 aos 25 anos) e adulta (a partir de 26 anos).  

Os poemas deben ser orixinais, inéditos e non premiados e deberán presentarse en folio DIN A4 e cunha extensión mínima de 20 versos e máxima de 150. Preferentemente, o texto estará escrito en lingua galega e mecanografado.  

As persoas interesadas poderán entregar os seus traballos a través de tres canles: de forma telemática a través da sede electrónica municipal, por correo postal (Avda. Cesáreo Pondal, 26, 15177 - Laxe) ou de maneira presencial no Rexistro das Oficinas Xerais do Concello, en horario de 9:00 a 13:00 horas.  

Poderase facer desde o día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) ata o luns 19 de agosto.  

Haberá tres premios, un por cada categoría, que consistirán nun diploma de recoñecemento e un vale de 100 euros para compras en comercios e locais hostaleiros de Laxe. Entre os criterios de valoración do xurado atópase a calidade artística e técnica, o interese literario da obra, a vinculación e inspiración nas temáticas tratadas polo autor e, de maneira complementaria, a ilustración da creación poética.  

As persoas gañadoras daranse a coñecer o sábado 24 de agosto durante o XVIII Solpor Poético.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal